O programa Primare Lonxas 4.0 xa completou a dixitalización de 14 rulas

martes, 7 de xaneiro do 2020 Redacción

As lonxas de Ferrol, Fisterra, Camariñas, Cariño, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Mugardos e Barallobre na provincia de A Coruña, e Aldán, A Guarda, Baiona, Vilaxoán, Vilaboa e Arcade en Pontevedra, xa dispoñen da plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, poxa, comercialización e emisión de notas de venda. Son as catorce primeiras lonxas nas que se completa a iniciativa Primare Lonxas 4.0 para a dixitalización das rulas, impulsada pola axencia AMTEGA e a Consellería do Mar.
Segundo informaron as dúas entidades, dende o arranque da nova solución xestionáronse na plataforma máis de 38.000 lotes, que supuxeron mais de 1.330 toneladas de produtos do mar por un importe de venda superior aos 3,3 millóns de euros.
Tamén engadiron que este ano que vén ce comezar está previsto continuar estendendo a implantación do sistema e continuar traballando no desenvolvemento de novas funcionalidades e na mellora das infraestruturas e equipamento tecnolóxico.
Solucións de comercialización e xestión
Respecto das vantaxes postas en xogo coa súa transformación, as lonxas nas que se completou a dixitalización teñen acceso nesta plataforma a unha nova solución de comercialización que lles permite obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos.
O novo sistema de xestión da actividade da lonxa e da confraría facilítalles a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago de impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).
A iniciativa Lonxas 4.0 abrangue tamén a dotación de equipos tecnolóxicos como pantallas de poxa, servidores, smartphones, equipamento que facilite a comunicación con básculas e etiquetadores, etc.

PUBLICIDADE