O proxecto Inmena crea un sistema automatizado de monitoraxe ambiental de edificios

venres, 29 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

O proxecto Inmena, inserido na convocatoria Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de acadar, logo de tres anos de traballo entre un conxunto de empresas (DiagnóstiQA, coordinadora, Insega e Proyestegal) e persoal investigador da Universidade de Vigo, o desenvolvemento dun sistema automatizado de inspección e de monitoraxe ambiental de edificios. A iniciativa permite afondar no coñecemento das condicións de confort da zona de ocupación e na posibilidade de aplicar medidas de aforro enerxético sen que estas reduzan a calidade do aire interior.
A encargada de presentar os resultados, Ruth Doval, fixo un repaso das diferentes etapas polas que pasou o proxecto, que tivo como lugar de estudo as instalacións do Hospital POVISA de Vigo: “Os dispositivos funcionaron correctamente, tanto os sensores como os sistemas de comunicación e almacenamento de datos. Os datos obtidos co software de interpolación pódese considerar que son bastante exacto e que o caso de estudo que levamos a cabo en POVISA demostrou a correcta comunicación entre as distintas parte de Inmena”.
O proxecto conta coa subvención da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cun orzamento total de 552.924,19 €. Os investigadores do consorcio deseñaron, empregaron e validaron dous tipos de dispositivos de monitoraxe e inspección. Por un lado, un dispositivo fixo, que mide múltiples variábeis monitorizadas, como a temperatura, humidade, presión, iluminancia, CO2, partículas e radon. Doutra banda, un dispositivo móbil de inspección inmersivo que permite realizar medidas de confort a diferentes alturas en diferentes posicións dentro da sala. Ademais xeraron unha ferramenta avanzada de simulación enerxética de edificios mediante o deseño de novos algoritmos que integran os datos monitorizados que parametrizan o uso e confort interior.
O sistema do proxecto emprega algoritmos de aprendizaxe automática para coñecer o estudo de parámetros como a temperatura ou a concentración de CO2 na zona de ocupación, pero monitorizando as variábeis noutras zonas. Os investigadores admiten que grazas a isto, “pódese determinar cando as variábeis de confort ambiental, como calidade do aire, temperatura, humidade e iluminación, que comezan a estar fóra do rango de valores apropiado e actuar en consecuencia”.

PUBLICIDADE