O proxecto de aldeas intelixentes de Medio Rural vén con 5 millóns de euros

mércores, 24 de novembro do 2021 S. P.

Este 24 de novembro desenvolveuse en Santiago a xornada de lanzamento da consulta preliminar ao mercado do proxecto Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sustentábeis, iniciativa de compra pública de innovación impulsada pola Consellería do Medio Rural cun orzamento de partida de 5 millóns. Na apertura do foro participaron o conselleiro José González, e directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No acto avogaron pola transformación sustentábel, intelixente e tecnolóxica dos núcleos do rural para que sigan sendo “as nosas aldeas de sempre”.
O dito proxecto é unha iniciativa da Consellería do Medio Rural que persegue “obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais”. Máis polo miúdo, o obxectivo é “conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial e así contribuír aos grandes retos como a seguridade alimentaria ou o asentamento da poboación no rural, entre outros aspectos”.
O conselleiro referiuse á necesidade de continuar incidindo en tecnoloxías disruptivas como por exemplo a que permite conectar obxectos entre si e xerar e compartir información: a Internet das Cousas. Este tipo de recursos, dixo, teñen potencial para xerar “calidade de vida, mercado laboral e máis e mellores servizos”, ao tempo que afianzan o mellor dos alicerces para un regreso ao rural de poboación e de empresas. O conselleiro defendeu esta consulta pública como o modo máis transparente e proactivo de buscar as sinerxías necesarias a prol dese crecemento dende o rural.
Nun plano máis concreto, González remarcou que este ano xa se comezou a traballar na elaboración do plan de dinamización de tres aldeas piloto: Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás) e Osmo (Cenlle), e ao longo de 2022 empezarase co seu desenvolvemento. Así mesmo, lembrou que en Galicia hai actualmente 14 aldeas modelo declaradas, das cales tres delas xa están en funcionamento e están destinadas a gandaría en extensivo con razas autóctonas.
O proxecto presentado conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios, que a Xunta espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros. Búscase conseguir entre 15 e 20 ideas ou solucións innovadoras que teñan un orzamento aproximado de cincocentos mil a un millón e medio de euros.

PUBLICIDADE