O proxecto de transformación 4.0 das nosas lonxas xa chegou a dúas ducias de rulas

venres, 11 de decembro do 2020 Fernando Sarasketa

A transformación tecnolóxica das lonxas galegas segue adiante nesta recta final de ano, ao abeiro do proxecto Primare Lonxas 4.0 impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Consellería do Mar e de Medio Rural e contando coas contribucións tecnolóxicas avanzadas da empresa galega SIVSA. Segundo puidemos saber, o proxecto, que pon en xogo grandes melloras operativas nas rulas (incluíndo a plataforma de poxa e comercialización desenvolvida por SIVSA), xa funciona activamente en 23 lonxas galegas e recentemente foi implantado nas de Rianxo e Cangas. En xaneiro, como lembraremos, a iniciativa comezou a súa andaina nas 14 primeiras instalacións incluídas na folla de ruta, incluída a de Pobra do Caramiñal.
Nas lonxas onde se implantou o proxecto achégase unha xestión completa e automatizada de toda a información esencial do proceso de comercialización das capturas, así como a xestión contábel e de impostos. Asemade, posibilitou a optimización dos procesos de poxa coa introdución de novas funcionalidades que modificaron por completo a forma de traballar e que abriron novas posibilidades, como a de participar en diferentes poxas de forma simultánea, en remoto ou a través dun smartphone.
Segundo informa SIVSA, o plan é continuar evolucionando a plataforma con novas funcións e servizos que “contribúan a transformar o sector, dotándoo de novas ferramentas de futuro que permitan ás empresas e aos traballadores adaptarse ás necesidades dunha sociedade conectada e cada vez máis dixitalizada, como a integración de documentos telemáticos, imaxes ou vídeos, resumos de compras realizadas, cotizacións ou melloras na xestión telemática de cobros e pagos”.
En palabras da empresa, trátase dun proxecto chamado a “marcar un antes e un despois nun sector tan transcendental como o pesqueiro na economía de Galicia”.

PUBLICIDADE