O proxector Optoma PK120 permite levar unha pantalla de 70 polgadas no peto

martes, 9 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Os proxectores de peto, ou picoproxectores, pensados principalmente para poder realizar presentacións profesionais cunha maior versatilidade que os grandes videoproxectores tradicionais, están achegándose ao mercado de consumo doméstico grazas á mellora das súas prestacións e á redución do seu prezo, e como bo expoñente destes avances temos o Optoma PK120, que en só 117 x 60 x 21 milímetros e con 145 gramos de peso agocha un proxector capaz de xerar unha pantalla panorámica de 70 polgadas con resolución nativa WXGA tomando como fonte un portátil, un dispositivo con iOS, un smartphone, unha cámara dixital ou unha consola de videoxogos, contado tamén cunha memoria interna de 2 Gb ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb (pois permite amosar de xeito autónomo documentos de Microsoft Office, PDF, HTML, imaxes JPEG e BMP, vídeos en H.263, H.264, VC-1, Xvid, WMV, ASF, 3GP... e mesmo reproducir música en MP3, PCM, AMR, APE, ACC, Vorbis, WMA e outros formatos).
Este picoproxector integra unha batería que pode chegar a unha autonomía de 1,5 horas (en modo económico), ten un contraste de 2.000:1 e un volume de son de 0,5 W por canle. Actualmente aínda non figura no catálogo español de Optoma, pero no Reino Unido xa pode mercarse por 205,85 libras esterlinas (233,65 euros), o que parece bastante axustado para a súa resolución, pois proxectores como o Optoma PK102, cunha resolución de só 480 x 320 píxeles, xa ten un prezo duns 149 euros.

PUBLICIDADE