O puxante tecido innovador galego darase cita o 16 de decembro en Innovames
venres, 2 de decembro do 2022
O
Concello de Ames e Maker Faire Galicia organizan unha nova edición
de Innovames, unha xornada de
innovación para
as empresas de Ames que terá lugar o 16 de decembro no Pavillón
Polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa presenza de
grandes referentes da innovación que conviven no concello. O
obxectivo deste evento, salientaron as entidades organizadoras, é
“poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local,
fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a
coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames”.
Programa
do evento
Charlas
e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o
audiovisual e a utilización de novos materiais conforman o groso
dunha programación que na súa sesión matinal estará dirixida non
só ao sector profesional, se non tamén aos centros escolares de
Ames coa finalidade de proporcionar referentes profesionais e
laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación nas novas
xeracións.
Deste
xeito, o alumnado dos centros de ensino e representantes de empresas
poderán escoitar a Carlota Corzo, unha das 30 mozas e mozos con
menos de 30 anos da lista Forbes, co-fundadora de Lázaro, unha
empresa que axuda a organizacións sen ánimo de lucro a crear
plataformas web fiables, permitindo traccionar as súas operacións
mediante tecnoloxías Blockchain.
Nesta
xornada contarase ademais cun programa centrado na presenza de
diferentes representantes das empresas asentadas en Ames e na súa
contorna, como Airvision, Tecalis, Escenoset, Mirabelle Comunicación,
Verial, Nanogap, Sistemius Abogados, FlowReserve, Grupo Altia, Carto
Galicia, Ficción Producciones, Minervas Voice (Zenit), Conic
Vascular, Alfonsin Digital Lab ou We Robot, entre outras firmas, que
ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro
dos seus diferentes sectores. Tamén se contará con representantes
das tres universidades galegas.
En
concreto, a empresa Airvisión mostrara os seus drons; Minervas Voice
dará voz ás mulleres que, coa súa obra, contribuíron e contribúen
de forma decisiva na evolución da humanidade e ao empoderamento
feminino; e Alfonsin Digital Lab presentará as singularidades da
posprodución máis innovadora, traballando man a man cas plataformas
audiovisuais do momento.
Premios
InnovAmes
Este
ano como novidade o Concello de Ames convoca a primeira edición do
Premio Innovames para empresas innovadoras co obxectivo de
“recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e
empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en
Ames; proxectos con carácter e innovador e de gran impacto social,
tanto de recente creación como xa consolidadas”. Premiarase a
innovación, o impacto social e o alto potencial de crecemento.
Ademais,
convócase o I Premio InnovAmes para proxectos educativos.
Espazo
de exposición
Tamén
haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán
coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos
innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así
como os proxectos presentados polos centros educativos. Así mesmo,
durante a mañá os escolares poderán asistir a diversos obradoiros,
previa inscrición.
O
evento completarase cunha sesión de tarde, dirixida ás empresas e
ao público interesado, na que se poderá escoitar a Alfonsín
Digital Lab, unha das poucas empresa de postprodución
cinematográfica en España que traballa con coñecidas plataformas
audiovisuais. Coñeceranse os proxectos presentados polas empresas
amesás e farase entrega dos premios aos/ás gañadores/as. O público
poderá asistir a diversos obradoiros durante a tarde e como punto
final da xornada gozarase dun espectáculo e poderanse degustar uns
petiscos.