O sensor mellorado de Kinect para PC sairá á venda dentro dunha semana

luns, 7 de xullo do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro día 15 Microsoft vai pór á venda o seu sensor Kinect para Windows v2 por un prezo de 199 euros, que vén a ser o sensor Kinect incluído na Xbox One, que pode así empregarse en ordenadores persoais para o desenvolvemento de aplicacións interactivas que recoñezan os movementos naturais das persoas, o seus xestos e as súas ordes de voz mediante o kit de desenvolvemento de software de Kinect para Windows versión 2.0.
Deste xeito, os desenvolvedores de aplicacións con C++, C#, VB.Net, Cx e JavaScript que empreguen o mencionado SDK poderán crear aplicacións que tiren proveito das posibilidades do sensor Kinect, que na súa revisión pode rexistrar imaxes Full HD con profundidade (mentres que o modelo anterior limitábase a capturar vídeo a 640 x 480 píxeles), conseguindo unha grande precisión na detección de movementos (pode rexistrar até 25 puntos do corpo á vez) e corrixindo tamén unha das grandes eivas de Kinect: a distancia mínima de uso (pasa de 1,82 metros a 1,37 metros). Tamén reduce a latencia de 102 a 20 milisegundos, pode detectar até 6 persoas a vez, é capaz de detectar dedos e pulsos, pode detectar músculos e incluso é capaz de medir as pulsacións do usuario.
Cómpre destacar que o SDK do novo Kinect só sería compatible con esa nova unidade de hardware, non podendo empregarse directamente co sensor Kinect incluído coa Xbox One nun ordenador persoal.

PUBLICIDADE