O servizo CiberEmprego de Érguete atende a máis de 300 persoas durante o ano

luns, 5 de xuño do 2023 S. P.

A Fundación Érguete-Integración, con sede principal en Vigo, vén de facer un balance da súa actividade recente en materia de formación tecnolóxica e fomento da empregabilidade a través da capacitación dixital, unha actividade que se materializa dende 2005 a través do seu servizo de CiberEmprego, que facilita o acceso ás TIC a colectivos especialmente desfavorecidos en risco ou situación de exclusión social. O obxectivo é axudalos co proceso de procura de emprego e o aprendizaxe do manexo destas ferramentas. Durante este último ano, atendéronse a 340 persoas participantes.
Dende a entidade, consideran de “gran importancia este recurso”, dado que “na actualidade a maioría das xestións relacionadas co emprego son a través de Internet”.
Nas súas instalación, a entidade pon á disposición das persoas beneficiarias a formación e os recursos necesarios para realizalas.
Todos os días de luns a venres polas mañás, Fundación Érguete ofrece servizos como o de orientación para a procura activa de emprego a través de Internet (mediante a creación de contas de correo electrónico, elaboración de currículo, cartas de presentación e altas nos portais de emprego, empresas de traballo temporal e asociacións empresariais) e tamén facilita o acceso á Administración Electrónica e apoio á hora da realización de trámites.
Tamén se realizan cursos de formación, a nivel de iniciación, no manexo do computador, programas de ofimática básicos e Internet, así como do teléfono móbil e formación para acceder á Administración Electrónica.
Este servizo colabora con outros programas da entidade para impartir módulos transversais de competencias dixitais básicas e procura de emprego en internet e tamén con outros servizos sociais externos na recepción de persoas beneficiarias.

PUBLICIDADE