O smartwatch Pebble Time completa o seu financiamento en Kickstarter en só 17 minutos

martes, 24 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Probablemente o proxecto de máis sona en Kickstarter foi o smartwatch Pebble, que pode considerarse como o único produto desta categoría en conseguir unha boa aceptación comercial sen pertencer a unha grande compañía (de feito, posiblemente sexa o smartwatch máis vendido do mundo, con máis dun millón de unidades vendidas dos seus 2 modelos) e adiantándose ao lanzamento do Apple Watch volven á carga co novo Pebble Time, que supón toda unha revolución por integrar unha pantalla de papel electrónico a cor, o que permite que teñan até 7 días de autonomía cunha única carga.

O reloxo chega en 3 cores distintas

Aínda que Pebble parece ter o músculo dabondo para poder comercializar este produto directamente, a compañía decidiu repetir a xogada do micromecenado (dun xeito un tanto polémico, xa que suponse que Kickstarter non é unha tenda de produto, senón unha plataforma para potenciar o lanzamento de pequenos novos proxectos) e buscar xuntar 500.000 dólares nunha campaña en Kickstarter que conseguiu o seu obxectivo en só 17 minutos, converténdose no proxecto de Kickstarter que máis rápido superou o millón de dólares (42 minutos) grazas á que as primeiras unidades do produto podían conseguirse por só 159 dólares (cando o produto final custará uns 199 dólares).
Actualmente é posible facerse cun Pebble Time a través de Kickstertar por 179 dólares (157,75 euros), o que é un prezo moi atractivo, xa que o modelo con pantalla monocromo custa actualmente 129 euros, e espérase que as primeiras unidades do reloxo poida chegar aos seus mecenas no mes de maio, podendo o usuario elixir entre 3 cores distintas de reloxo.

O Pebble TIme inclúe un micrófono que dota ao reloxo de pulso da posibilidade de responder a notificacións mediante a voz ou mesmo para gravar notas sonoras

O novo reloxo de pulso tamén incluirá micrófono, facilitando a toma de notas de voz ou enviar respostas de voz a notificacións (funcionalidade que en Android funcionaría con centos de aplicacións, mentres que en iOS está limitada polo momento á aplicación de Gmail). O Pebble Time é un 20% máis delgado que o Pebble orixinal (quedando en nun grosor de só 9,5 milímetros), é resistente á auga e aínda que vén cunha correa de silicona, é compatible con correas estándar de 22 milímetros (que poden intercambiarse en menos de 10 segundos).
A principal vantaxe dos reloxos Pebble é que son multiplataforma, e o novo modelo será compatible con iOS 8 para terminais que partan do iPhone 4S e con Android 4.x ou superior, de xeito que non son poucos os que prefiren apostar por un produto deste tipo que casar cun dispositivo como o Apple Watch ou un reloxo con Android Wear, pola liberdade de non quedar atado a unha plataforma móbil en concreto. Amais, ao levar xa bastante tempo no mercado, a plataforma de software de Pebble está bastante madura, e co Pebble Time incluso promete grandes avances, de xeito que o produto resultará de utilidade dende o primeiro día, contando cunha nova interface para acceder a calendarios, alarmas e aplicacións que promete unha grande velocidade de uso á vez que aproveita a nova pantalla de cor para presentar unha aparencia renovada máis completa e atractiva.
En menos dun día a campaña de micromecenado do Pebble Time superou os 7 millóns de dólares, polo que non sería de sorprender que en poucos días pase a ser o primeiro proxecto en volume de cartos achegados a través de Kickstarter (actualmente xa está nunha máis que notable quinta posición).


Vídeo de presentación da nova campaña de Kickstarter

PUBLICIDADE