O smartwatch de Qualcomm sairá á venda nun par de semanas

luns, 18 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Cando o mundo miraba a Samsung e ao seu prometedor reloxo intelixente Galaxy Gear, Qualcomm presentaba a súa alternativa, o Toq, un smartwatch cunha pantalla con tecnoloxía Mirasol (semellante ao papel electrónico, ou sexa, de baixo consumo e que pode verse en contornos con moita luz) que poderase conectar por Bluetooth a móbiles con Android 4.0.3 ou superior para amosar as súas notificacións, servindo tamén para o control multimedia, destacando por carecer de botóns (aposta pola pantalla táctil para o seu control) e funcionar entre 3 e 5 días cunha única carga (mentres que a autonomía do dispositivo de Samsung é de só 25 horas).
Tras certa espera, o fabricante puxo por fin data e prezo a este dispositivo, de xeito que a partir do 2 de decembro poderemos adquirir o Qualcomm Toq por 349,99 dólares (258,89 euros). Aínda que non conta coa sona dos produto de Samsung, este reloxo ten un deseño moito máis compacto e elegante, á vez que resulta extraordinariamente máis cómodo ao poder cargarse sen fíos con só colocalo sobre o seu estoxo.

O Qualcomm Toq chegará ao mercado cun formato compacto, un deseño discreto e unha autonomía aceptable


Vídeo promocional do Qualcomm Toq

PUBLICIDADE