O último parche de Cyberpunk 2077 engade un importante fallo

luns, 25 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O desastroso lanzamento de Cyberpunk 2077 está a ter moi complicado arranxo, xa que non só o título de CD Projekt Red ten un mal funcionamento en consolas da anterior xeración, senón que tamén está inzado de erros que en moitas ocasións impiden continuar a partida para frustración dos usuarios, de aí que o parche 1.1 que nos últimos días lanzaron para as versións de PC, consolas e Stadia foi inicialmente ben recibido, xa que mellorou considerablemente a estabilidade do título e corrixiu numerosos erros detectados, pero por desgraza tamén incorporou novos e graves fallos.
Durante a misión Down on the Street do xogo, tras aplicar o parche 1.1, a conversa mediante holochamada con Takemura non chega a iniciarse, provocando que non se poida avanzar no xogo, aínda que dende CD Projekt Red saíron ao rescate dando conta dun posible truco para evitar chegar á situación que desencadea o fallo e prometendo que lanzarán unha corrección rápida deste erro, de xeito que non haberá que agardar ao parche 1.2 que tamén arranxará numerosos fallos rexistrados, e que sería o que achegaría o título á condición na que debería estar durante o seu lanzamento.
En calquera caso non parece que Cyberpunk 2077 vaia ser un xogo recomendable até a segunda metade de 2021, cando está previsto que reciba unha grande actualización que optimizará o título para as consolas da actual xeración, de xeito que a boa experiencia de xogo non se limitará aos ordenadores persoais máis potentes.

PUBLICIDADE