O videoxogo que nos leva á Pontevedra medieval xa está dispoñíbel na Google Play Store

venres, 14 de febreiro do 2020 Redacción

No marco da celebración do 850 aniversario da concesión do foro á cidade de Pontevedra, celebración impulsada pola Concellería de Memoria e Patrimonio Histórico da cidade do Lérez, o grupo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) da Universidade de Vigo desenvolveu Ponte Veteri, un videoxogo que propón un percorrido pola Pontevedra medieval que xa se pode descargar a través da Google Play Store.
Integrantes deste grupo de innovación, que agrupa a docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, presentaron a aplicación este xoves 13 de febreiro, xunto con concelleiro Xaquín Moreda. Segundo fixeron saber, trátase dunha proposta que levará aos xogadores e xogadoras a ir resolvendo unha serie de “minixogos” ao tempo que “percorren diferentes rúas do casco histórico da cidade”.
A aplicación, que leva o nome dado á cidade no documento do foro, está ambientada en seis escenarios que se corresponden con seis das confrarías existentes na Pontevedra medieval e nos que os xogadores deberán ir superando os devanditos mini-desafíos, co propósito de avanzar na trama do xogo e descubrir o seu enigma final. Trátase nese senso dunha proposta “bastante complexa, no sentido de que non é lineal totalmente”, explicou o profesor da EE de Telecomunicación Antonio Pena, na presentación celebrada na praza da Ferraría. En termos máis concretos, o seu funcionamento baséase en “conseguir unhas claves que están cifradas”, superando os diferentes minixogos propostos, co propósito de “intentar resolver o enigma final”, engadiu o docente.
Xunto a Pena, participaron na presentación de Ponte Veteri o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Luis Fernández e a egresada deste centro Ariadna Cordal, integrantes dun equipo de traballo que completaban a profesora Beatriz Legerén, os egresados da EE de Telecomunicación e da Facultade de Belas Artes David Conde e Daniel Malvido, e a desenvolvedora Olaia Ferrando, responsábel da dirección de arte.

PUBLICIDADE