O vindeiro marzo sairá á venda unha nova videoconsola de Nintendo

xoves, 20 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A futura consola de videoxogos de Nintendo deixouse ver finalmente, e tras moitos meses de espera confirmáronse os rumores de que o proxecto coñecido como Nintendo NX era unha consola híbrida entre sobremesa e portátil, sendo o nome comercial polo que optou a compañía nipoa para a súa comercialización Nintendo Switch. Un detalle que contribuíu enormemente a que o vídeo de presentación da nova máquina fose moi ben recibido é que non fará moi longa a espera pola consola, xa que en vez de saír de cara á campaña de Nadal de 2017 o seu lanzamento comercial será o vindeiro mes de marzo, o que disparou o interese pola consola, así como as esperanzas dun bo futuro para Nintendo ao entenderse que atinaron co seu novo concepto de consola.
A Nintendo Switch estaría composta por unha especie de tableta (que convértese nunha consola doméstica ao introducila nunha base que podemos conectar ao televisor) e un par de mandos Joy-Con que poden conectarse a ambos lados da consola se queremos empregar un control de xogo máis propio dunha tableta, pero que tamén serven como mandos sen fíos cun deseño bastante básico que incluso poderían empregarse para xogar coa Nintendo Switch até 2 persoas á vez, aínda que é moi posible que a meirande parte de usuarios opten por usar un mando Pro (cunha disposición de elementos moi semellante ao mando da Xbox One) para xogar tanto no fogar como en calquera outro lugar.
O orixinal concepto de consola xa parece que vai garantirlle o éxito inicial, ao que tamén axuda que 48 firmas (entre as que están compañías como Bandai Namco, Capcom, Electronic Arts, Bethesda, PlatinumGames, SEGA, Telltale Games, THQ, TT Games ou Ubisoft) anunciasen que xa están a traballar en títulos para esta nova plataforma de videoxogos da que aínda sabemos poucos detalles, pero que conceptualmente parece todo un acerto.
Aínda que parece difícil que a nova consola poda rivalizar coa Xbox One ou a PlayStation 4 a nivel de potencia de hardware, a súa versatilidade parece que compensará tal eiva, que tampouco sería tan grande xa que funciona cun procesador nVIDIA Tegra, máis que suficiente para mover case calquera xogo na súa pantalla de alta definición cunha diagonal de 7 polgadas.
Polo momento xa están confirmados xogos como Mario Kart, NBA, un novo Super Mario, Splatoon ou Elder Scrolls 5: Skyrim para a Nintendo Switch, retomando a compañía o formato de cartucho, aínda que falta agora que Nintendo vaia debullando detalles como a autonomía e o prezo desta consola que promete revolucionar o sector o ano que vén.

Vídeo de presentación da Nintendo Switch

PUBLICIDADE