O xogo a distancia de PlayStation en dispositivos de Apple por fin funciona con mandos DualSense

martes, 11 de maio do 2021 Marcus Fernández

Aínda que o xogo na nube está a gozar de grande popularidade ultimamente, existen modos de xogo semellantes dos que podemos gozar dende hai moito, como o uso a distancia das consolas PlayStation, de xeito que dende un smartphone, unha tableta ou un ordenador é posible gozar de xogos de consolas PlayStation 4 e PlayStation 5 sempre que se conte cunha boa conexión entre os equipos (funciona cun mínimo de 5 Mbps pero recoméndase contar con 15 Mbps e, a poder ser, que a conexión sexa mediante cable).
Pois esta modalidade de xogo remoto de consolas PlayStation vén de reciibr unha interesante mellora, xa que os dispositivos de Apple integran a compatibilidade cos mandos sen fíos DualSense, ou sexa, que é posible empregar o mando de PlayStation 5 directamente nun iPhone, un iPad ou un Mac (os mandos de PS4 xa eran compatibles anteriormente), permitindo así que a experiencia de xogar a distancia sexa case idéntica a xogar diante da propia consola, o que agradecerán especialmente os usuarios que teñan instalada a máquina no salón e queiran gozar dos xogos puntualmente dende outra estancia do fogar.

PUBLICIDADE