OWC comercializará unha base para engadir 10 portos ao novo MacBook

xoves, 18 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A decidida aposta polos portos USB-C chegou ao extremo co novo Macbook, que tiña este conector como único porto de expansión (e incluso de alimentación), o que nalgúns casos pode ser un auténtico problema, xa que obrigaría a empregar toda unha maraña de cables adaptadores de querer conectar varios dispositivos ao portátil, e para solucionar esta eiva no escritorio OWC está a preparar unha base USB-C que sairá á venda en outubro por 125 dólares (109,69 euros) que ofrecerase en 3 cores (que casan coas da carcasa do equipo de Apple) e engadirá un total de 10 portos.
Deste xeito, o OWC USB-C Dock fará que a un dos novos MacBook poidamos conectar simultaneamente varios dispositivos USB, unah pantalla 4K, unha tarxeta de memoria SD e incluso un cable para poder conectar o portátil á nosa rede local e así poder tirar proveito das velocidades que achegan as conexións de banda larga de nova xeración.
Concretamente a base integra 4 portos USB 3.1 tipo A (1 diante e 3 detrás), 1 porto USB 3.1 tipo C, un lector de tarxetas SD, un conector HDMI 1.4b (compatible con ultra alta definición), un porto Gigabit Ethernet, conector para auriculares e micrófono, toma de corrente e un conector USC-C que serve para comunicar o trebello co portátil de Apple. Posiblemente o complemento ideal para empregar o novo Macbook no fogar ou na oficina.

O OWC USB-C Dock conta cun total de 11 portos

PUBLICIDADE