Ocean’s renova as súas tarifas tras pasar baixo o control de MásMóvil

mércores, 19 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións coruñés Ocean’s Network, coñecido inicialmente polos seus prezos agresivos e a súa orientación a un público mozo, quedou finalmente na memoria de moitos por un incidente sen precedentes: deixar de dar servizo durante varios días aos seus clientes por impagamentos prolongados a Telefónica. Tras desvelarse a situación de Ocean’s non sorprendeu que en outubro de 2018 a empresa entrase en concurso de acredores, e esta situación parece ser aproveitada por MásMóvil para entrar en Galicia, xa que o grupo de telecomunicacións vén de facerse coa unidade produtiva do operador, concretamente co control dos activos orientados ao segmento residencial e ao de empresas de Ocean’s.
Este operador móbil virtual renova agora a súa web, onde detallan que «Oceans é unha marca rexistrada de Xfera Móviles S.A.U., propiedade do Grupo MásMóvil, o cuarto operador de telefonía de España» e na que podemos ver as súas novas tarifas móbiles, que parten de liña móbil con 100 minutos en chamadas por 3,50 euros mes e chegan até liñas con chamadas ilimitadas con 30 GB de datos por 24,95 euros/mes. Estas tarifas carecen de compromisos de permanencia e operan baixo a cobertura de Orange.

PUBLICIDADE