Ofertan consolas Nintendo DS Lite con carcasas alternativas

mércores, 20 de xullo do 2011 Marcus Fernández

A chegada ao mercado da Nintendo 3DS marcou o comezo do fin das súas predecesoras (as consolas portátiles Nintendo DS/DS Lite/DSi), o que está a dar lugar a distintas ofertas e mesmo orixinais propostas como as que esta semana incorporaron á popular tenda en liña Dealextreme distintas consolas Nintendo DS Lite reparadas ás que cambiaron a súa carcasa por outras decoradas con motivos de series de televisión (Naruto, Dragon Ball Z) e videoxogos (Super Mario, Nintendogs, Pokémon e The Legend of Zelda) entre outros por uns 75 euros (portes incluídos) o que é unha interesante opción para facerse coa consola a un prezo atractivo ou para agasallar a seareiros das temáticas indicadas.

Pese a non existir oficialmente, xa é posible facerse cunha Nintendo DS Lite de Naruto

Nas mesma tenda en liña tamén están dispoñibles algunha das carcasas alternativas (por uns 7 euros) para quen xa teña unha Nintendo DS Lite e queira mudar a súa imaxe, aínda que habería que advertir que en ambos casos non teñen a calidade das carcasas orixinais.
Cómpre destacar que estas curiosas Nintendo DS Lite edición limitada tamén están á venda nalgunhas tendas en liña españolas, nas que poden adquirirse por 84,90 euros, aínda que sorprende que non informen de que estamos ante consolas que non veñen directamente de fábrica. De todos os xeitos, a súa adquisición nunha tenda española debería ter coma grande vantaxe a posibilidade de esixir a súa garantía nos prazos legalmente establecidos, o que agradecerán os que queiran facerse cun destes dispositivos a un prezo bastante axustado.

Estas edicións limitadas incluso veñen en caixas coa mesma estética que as carcasas das Nintendo DS Lite

PUBLICIDADE