OnePlus amplía a súa gama económica

mércores, 5 de abril do 2023 Marcus Fernández

O vindeiro 25 de abril chegará ao mercado un novo teléfono de OnePlus da familia Nord, ou sexa, da súa liña económica, que pese ao seu prezo contido achega unhas prestacións máis que satisfactorias para a meirande parte de consumidores.
Falamos do OnePlus Nord CE 3 Lite 5G, un smartphone con procesador Qualcomm Snapdragon 695 5G, 8 GB de RAM LPDDR4X, 128/256 GB de almacenamento interno UFS2.2 (ampliable con tarxetas de memoria de até 1 TB), pantalla Full HD+ de 6,72 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, altofalantes estéreo e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts.
A súa cámara dual traseira conta cun sensor principal de 108 Mpíxeles capaz de facer zoom de até 6 aumentos, e un sensor macro de 2 Mpíxeles; mentres que a súa cámara frontal é de 16 Mpíxeles. Como curiosidade, tamén conta con toma para auriculares.
Os consumidores que reserven este produto antes do seu lanzamento recibirán sen custo adicional uns auriculares OnePlus Nord Buds valorados en 49 euros.

Auriculares económicos con cancelación de ruído

Precisamente nesta liña OnePlus aproveitou a ocasión para presentar uns novos auriculares sen fíos, os OnePlus Nord Buds 2, que contan cun enorme transdutor de 12,4 milímetros para conseguir que os graves se escoiten mellor, fan uso do novo algoritmo BassWave para conseguir unha mellora dinámica do son, contan con micrófonos duais para poder filtrar o ruído de fondo nas chamadas e incluso integran cancelación de ruído activa de até 25 dB, o que sorprende por estarmos ante un accesorio que ten un prezo de só 69 euros.
Os OnePlus Nord Buds 2 tamén poden presumir de até 7 horas de autonomía que poden ampliarse até un total de 36 horas grazas ao seu estoxo de carga. Grazas á carga rápida tamén poden conseguir 5 horas adicionais de tempo de escoita con só 10 minutos de conexión á corrente.
Os auriculares contan con resistencia IP55, polo que son resistente á suor e á chuvia.

PUBLICIDADE