OnePlus presenta os seus primeiros smartphones co selo de Hasselblad

martes, 23 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Os smartphones máis agardados de OnePlus por fin son oficiais. A marca chinesa presentou os seus novos móbiles insignia, o OnePlus 9 e o OnePlus 9 Pro, que como xa tiñan anticipado utilizan como principal reclamo o contar con cámaras calibradas pro Hasselblad, buscando así unha excelencia nese apartado moi na liña do que conseguiu no seu día Huawei coa súa asociación con Leica.
Estes novos móbiles pretenden competir directamente cos iPhone e cos Samsung Galaxy S, e non ofrecerse como unha alternativa económica, algo bastante complicado de facer para calquera fabricante que non teña unha grande forza comercial e que teña a Internet como principal canle de distribución.
O dispositivo de referencia sería o OnePlus 9 Pro, cun prezo de saída de 909 euros (a súa configuración máxima só incrementa o prezo en 90 euros), e que deixa claro o seu poderío cun procesador Qualcomm Snapdragon 888, os seus 8/12 GB de memoria LPDDR5, o seu almacenamento de 128/256 GB UFS 3.1, a súa batería de 4.500 mAh con carga rápida de 65 watts por cable (en 50 watts sen fíos), aínda que probablemente o elemento que destaca máis a súa calidade sería a súa pantalla AMOLED con LTPO de 6,7 polgadas, que ten resolución Quad HD+ e velocidade de refresco adaptable (característica herdada dos alta gama de Samsung, e que non só permite que os xogos poidan moverse a 120 Hz, senón que para contidos estáticos pode reducirse o refresco co conseguinte aforro de consumo).
A nivel de cámaras, o OnePlus 9 Pro ten unha cámara principal de 48 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe, un ultra grande angular de 50 Mpíxeles, un telefono estabilizado de 8 Mpíxeles e unha cámara monocrono de 2 Mpíxeles; conta con numerosos modos de disparo (como un modo tilt-shift e un modo profesional no que facilita a realización de moitos axustes dun xeito doado) e gravación de vídeo a 8K. A cámara frontal confórmase cun sensor de 16 Mpíxeles e gravación de vídeo Full HD.
Conta con 5G, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2 con soporte de aptX, aptX HD, LDAC e AAC e NFC; o seu lector de impresións dixitais está integrado en pantalla, ten altofalantes estéreo e Dolby Atmos; e chega ao mercado en 3 cores distintas.
Pola súa banda, o OnePlus 9, reduce o seu tamaño de pantalla até as 6,55 polgadas baixando a súa resolución até Full HD+, prescinde de estabilización de imaxe no sensor principal da cámara traseira e do obxectivo telefoto, e a súa carga sen fíos é só de 15 watts; concesións coas que consegue unha importante redución de prezo, de xeito que poderá adquirirse en 3 cores distintas por a partir de 709 euros (para o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, mentres que a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento véndese a 809 euros).
Para acompañar a estes grandes móbiles temos agora tamén o OnePlus Watch, un smartwatch que custa 159 euros e que presume dunha autonomía até 14 días (5 días se activamos a monitorización de osíxeno durante o sono), polo que, aínda que a nivel de deseño poida parecer un Samsung Galaxy Watch Active, na práctica sería unha pulseira de actividade con forma de reloxo e con capacidades de xestión de chamada e reprodución multimedia (incluíndo 4 GB de almacenamento interno, o que permite que poida empregarse como reprodutor multimedia desconectado dun smartphone). Temos así un produto interesante, que completa bastante ben o catálogo de OnePlus, pero que queda lonxe do que podería ofrecer un smartwatch cun sistema operativo como Wear OS ou Tizen.

O OnePlus Watch é un smartwatch con monitorización de actividade que integra 4 GB de almacenamento para poder empregalo para a reprodución musical por Bluetooth sen ter que levar o teléfono enriba

PUBLICIDADE