Oppo presenta un novo smartphone con cámara xiratoria

mércores, 29 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Oppo non se conforma con presentar un smartphone cun grosor de 4,85 milímetros para reforzar o seu catálogo de produtos, e anuncia o seu novo terminal con cámara rotatoria, de xeito que pode presumir de ter un dos mellores smartphones para tomar auto-fotos ou para, simplemente, mudar a perspectiva na que capturamos o mundo dende o móbil. O Oppo N3 sitúa a súa cámara nunha peza que pode xirarse até 206 graos, dándolle unha grande versatilidade, o que non impide que esteamos ante un terminal cunha construción robusta, grazas ao seu marco de aliaxe de aluminio, que contribúe a destacar o seu acabado premium.
O Oppo N3 vai na liña dos últimos smartphones do mercado, cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb), LTE, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, NFC, rañura para tarxeta micro SIM e nano SIM e batería de 3.000 mAh, non sendo quen de ter unhas dimensións tan comedidas como o Oppo R5, xa que o seu grosor é de 8,7 milímetros e o seu peso de 192 gramos.
Este novo smartphone 4G ten unha cámara de 16 Mpíxeles con flash LED con modo dual, capaz de gravar vídeo en 4K ou incluso vídeo en alta definición a 120 imaxes por segundo (para conseguir gravacións en cámara lenta), contando con numerosos modos fotográficos para facilitar a toma de panorámica e aplicar distintos efectos.
Como detalles para completar este excelente terminal temos que na súa parte traseira conta cun lector de pegadas dixitais que grazas á súa posición consegue que o trebello manteña un tamaño comedido; e tamén conta cun accesorio chamado O-Click, que serve como controlador multimedia, sendo tamén válido para disparar fotografías a distancia, podendo incluso rotar a cámara (xa que a súa bisagra está motorizada). Ao igual que o Oppo R5, tamén inclúe un cargador rápido que permite que en 5 minutos poidamos conseguir carga para poder falar por teléfono até 2 horas e conseguen encher o 75% da carga da batería en só 30 minutos.
Espérase que chegue ao mercado en decembro a un prezo de 649 dólares.


Vídeo promocional do Oppo N3

PUBLICIDADE