Oppo presenta unhas lentes de realidade asistida

martes, 14 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Despois do rebumbio feito polas Google Glass no seu día deixáronse de lado os produtos wearables en formato de lentes ante a incomodidade que provocaban a terceiros a posibilidade de que alguén puidese estar espialos dende unha cámara persoal, pero iso non impide que cheguen solucións que deixen de lado a realidade aumentada e que aproveiten simplemente o concepto de ter unha pequena pantalla virtual no campo de visión, como fan as Oppo Air Glass, unhas lentes que comercializarán en China no primeiro trimestre de 2022 que resultan bastante interesantes.
A idea destas lentes é amosar información sinxela (de navegación, tradución, locución, calendario, o estado do tempo, o rexistro de actividade física...) a través dun proxector Micro LED que presenta unha imaxe cunha resolución de 640 x 480 píxeles nunha especie de monóculo que poden incorporarse a unha montura de lentes ao máis puro estilos dos visores dos Guerreiros do Espazo de As Bólas Máxicas.
As Oppo Air Glass funcionarían cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 4100 (habitual en reloxos conectados) e comunicaríase cunha aplicación móbil que sería a que manexaría a información que se presentaría no pequeno proxector.
Podemos así ver o texto dun discurso que teñamos que dar en público (e que poderemos desprazar mediante distintos métodos); podemos asocialo a unha aplicación de tradución automática para poder ler a tradución do que está a dicir unha persoa que fale noutra lingua e que teñamos diante; serviría para ver indicacións de navegación para atopar o noso destino cando vaiamos andando ou en bicicleta; podería amosar as notificacións do móbiles; e moitas outras funcións que poderán desenvolver outras compañías, xa que este produto contará cun SDK para que calquera poida crear aplicacións que poidan tirar proveito das Oppo Air Glass.
As Air Glass pesarían uns 30 gramos, terían unha autonomía de 3 horas de uso e 40 horas en espera, e ofreceranse en dous deseños de montura: media montura en cor prata e montura completa en cor negra (ambas en dous tamaños diferentes).

As lentes comercializaranse con distintos tipos de montura

PUBLICIDADE