Oppo quere facerse un oco entre os smartphones de gama alta

venres, 6 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses de smartphones apostan cada día máis pola excelencia, de xeito que xa non se recorre ás súas marcas só por cuestión de prezo, e como exemplo diso temos os novos terminais de Oppo, o Oppo Find X2 e Oppo Find X2 Pro, que sitúanse sen temor na gama alta, con prezos altos e unhas especificacións de impresión, que incluso conseguen que a cámara traseira do Oppo Find X2 Pro estea actualmente en cabeza en DxOMark con 124 puntos, igualando o resultado conseguido polo Xiaomi Mi 10 Pro.
O Oppo Find X2 é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 e conectividade 5G, que loce unha impresionante pantalla OLED de 6,7 polgadas con resolución QuadHD+ unha taxa de refresco de 120 Hz, velocidade táctil de até 240 Hz, unha perforación na pantalla para a súa cámara frontal de 32 Mpíxeles e lector de pegadas integrado. Vén configurado con 12 GB de RAM LPDDR5 e 256 GB de almacenamento interno UFS 3.0 e unha batería de 4.200 mAh con carga rápida de até 65 watts, contando tamén con Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1 e NFC.
Pero a cámara traseira tripla do Find X2 é un dos puntos fortes deste dispositivo, cun sensor principal de 48 Mpíxeles con apertura f/1.7, ultra grande angular de 12 Mpíxeles e teleobxectivo de 13 Mpíxeles (con zoom híbrido de 5x); contan con modo ultra nocturno 3.0, modo marco capaz de disparar fotografías a 3 centímetros de distancia, modo retrato con 5 estilos diferentes, modo de selfies nocturnos HD de 32 Mpíxeles, ultra estabilizador de vídeo e incluso gravación con 3 micrófonos (o que facilita a redución do ruído do vento e a amplificación do son cando a cámara fai zoom).
Este completo smarthone vai chegar ao mercado a primeiros de maio a un prezo de 999 euros, aínda que o seu irmán maior, o Oppo Find X2 Pro ousa ser máis ambicioso, e venderase a 1.199 euros, o que indica unha grande confianza do fabricante no seu produto.
O Oppo Find X2 Pro diferénciase da versión básica na súa capacidade de almacenamento (que pasa a ser de 512 GB UFS 3.0), na súa batería (que medra até os 4.260 mAh) e moi especialmente na súa cámara traseira, que conta cun sistema de cámara Ultra Vision con sensores de 48 Mpíxeles tanto no obxectivo principal como no ultra grande angular, e con 13 Mpíxeles no seu teleobxectivo (que consegue un zoom híbrido de 10x). Outro detalle a salientar é que o modelo Pro tamén conta con versións con acabado en coiro vegano, así como unha maior resistencia ao po e á auga.

Vídeo coa presentación dos novos smartphones de Oppo

Oppo Watch

Pero Oppo non se limitou a presentar estes smartphones, senón que tamén os acompañou cun produto que non sabemos cando chegará ao noso mercado, pero que pode resultar intersante: o Oppo Watch. Un smartwatch claramente inspirado no Apple Watch, tanto a nivel de deseño físico como no seu software, que presenta unha pantalla OLED de 1,91 polgadas cunha resolución de 402 x 473 píxeles, caixa de aluminio, monitorización cardíaca, sensores de actividade, reprodución musical, resistencia á auga (até 50 metros) e incluso conectividade móbil mediante eSIM. Promete unha autonomía de 40 horas para un uso normal (ou de 21 días nun modo de aforro de enerxía con notificacións activadas) e pode cargarse até o 46% en 15 minutos ou conseguir unha carga completa en 75 minutos. Porase á venda na China o 24 de marzo a 1.499 iuans (192 euros) na súa versión de 41 milímetros, mentres que o modelo de 46 milímetros custará 1.999 iuans (256 euros).

PUBLICIDADE