Optoma pon á venda proxectores 4K con HDR por menos de 2.000 dólares

mércores, 7 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Durante moitos anos os proxectores de vídeo eran a única opción válida para os que querían gozar de cine en casa, pero as novas resolucións de pantalla dos televisores de grande formato deixáronos fóra de xogo, e agora parecen no mercado proxectores que queren mudar a situación, como os novos Optoma UHD60 e UHD65, que contan con resolución 4K e soporte de HDR, mantendo o seu prezo nuns contidos 1.999 e 2.499 dólares, ou sexa, que por fin os proxectores 4K baixan dos 2.000 dólares, facendo posible solucións de cine en case que até o momento parecían un soño.
O Optoma UHD60 é un proxector de consumo, do que aínda non sabemos o prezo en España, pero que ao custar 1.999 dólares en EE.UU. xa temos claro que estamos ante un produto que fai asumible meter un cine na casa cunha calidade de imaxe que polo momento teñen poucas salas comerciais (de feito, non hai ningunha en Galicia que ofreza ultra alta definición con HDR).
Este dispositivo está dirixido a quen queira ver ao grande a televisión, videoxogos ou películas, ofrecendo un brillo de 3.000 lumenes e unhas cores sorprendentes, que incluso integra un potente altofalante (para quen non queira depender de altofalantes externos). Conta con numerosas entradas para facilitar a conexión de distintas fontes de vídeo, a súa imaxe ten unha resolución nativa de 3.840 x 2.180 píxeles en 16:9 (compatible con 4:3) e pode xerar unha imaxe de entre 26,25 e 302,2 polgadas a unha distancia de entre 1,3 e 9,3 metros (ou sexa, que pode cubrir unha superficie de 6,69 x 3,77 metros, tamaño realmente impresionante para un proxector doméstico).
Pola súa banda o proxector Optoma UHD65 en vez de atender ao propósito xeral está optimizado para a reprodución de películas, de xeito que non se comercializa directamente ao público, senón a través de compañías instaladoras.

O proxector Optoma UHD65 está dispoñible a través de instaladores profesionais que faciliten a súa transformación en auténticos cines en casa

PUBLICIDADE