Orange presenta un cargador ecolóxico para o móbil

venres, 22 de maio do 2009 Marcus Fernández

De cara ao festival de verán de Glastonbury (que terá lugar entre os días 24 e 28 de xuño) a filial británica de Orange anunciou un prototipo de cargador compacto para teléfonos móbiles que sería ideal para levar de acampada, pois podería alimentarse cunha bomba de aire dunha colchoneta inchable de xeito que ao pisala movería unha dínamo que convertería o aire en enerxía eléctrica para cargar a batería do móbil.
O Orange Power Pump é unha creación da compañía de enerxías renovables GotWind, mide 15,4 x 12,9 x 4,7 centímetros e podería dar enerxía para unha conversa de 5 minutos no tempo que leva inchar unha almofada.
Coma Orange é un dos patrocinadores do festival británico, o evento pode servir coma campo de probas para este novo produto que aposta polas enerxías renovables e a ecoloxía, que podería ser incluso máis axeitado que os paneis solares para moitos usos, xa que permitiría unha carga máis rápida.

PUBLICIDADE