Orange traerá a conectividade 5G SA a Vigo e A Coruña

martes, 6 de xuño do 2023 Marcus Fernández

En febreiro Orange puxo en marcha a súa rede de telefonía móbil 5G SA (Stand Alone), o que moitas veces se define como 5G de verdade, pero que o operador galo promociona como 5G+, e agora fan balance desta despregadura para asegurar que son a única rede deste tipo que chegará a 30 localidades no primeiro semestre do ano.
Os servizos desta rede chegan actualmente ás meirandes cidades do Estado, pero hoxe Orange anuncia que nas vindeiras semanas ampliarán a súa cobertura a novas cidades entre as que figura A Coruña e Vigo, asegurando que confían en que nesas poboacións poidan beneficiarse da 5G SA o 80% dos usuarios.
Orange estima que ao remate do presente mes o 30% da poboación española poida gozar das capacidades avanzadas da 5G SA, o que supón mellor cobertura en interiores (grazas ao uso de bandas nativas 5G), baixa latencia, maior duración da batería dos dispositivos conectados, maior número de dispositivos conectados e maior seguridade.

PUBLICIDADE