Ordenan a retirada do mercado do WebTV de Blusens

venres, 2 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Europa Press confirma que a causa da detención de José Ramón García débese á comercialización de receptores WebTV, dispositivos que deixaron de funcionar esta mesma semana e dos que xa non están dispoñibles nin a súa páxina web oficial nin os seus foros de desenvolvemento de aplicacións.
Os receptores WebTV contaban con aplicacións que facilitaban o accesos a películas, series de televisión, deportes, canles de televisión e outros contidos audiovisuais sen limitacións nin cotas, e precisamente por iso o titular do Xulgado número 3 de Santiago de Compostela, Andrés Lago Louro, tería ordenado retirar e parar a comercialización deste dispositivo. Tamén se recomendou ás tendas que tiñan este produto á venda que recollesen os datos dos clientes que acudan a preguntar (xa que deixaron de funcionar correctamente) e esperar a ter novas instrucións sobre estes receptores.
A investigación que afecta ao fundador de Blusens e a outros 2 membros da empresa iniciouse ante a denuncia dunha entidade que xestiona dereitos de propiedade intelectual.

PUBLICIDADE