Os AirPods Pro terán cancelación de ruído activa, ecualización adaptativa e resistencia á auga

luns, 28 de outubro do 2019 Marcus Fernández

No mes de marzo Apple renovou lixeiramente os seus auriculares sen fíos, os AirPods, mellorando a súa autonomía, conectividade e sistema de carga, cambio bastante sutil que para algúns usuarios percibiuse unicamente como a opción de poder gozar de carga sen fíos co seu estoxo, e finalmente a actualización que moitos desexaban chega na forma dos novos AirPods Pro, que inclúe cancelación de ruído activa, e que chegarán este mércores ao mercado a un prezo de 279 euros, ou sexa, que custan 100 euros máis que os AirPods básicos e 50 euros máis que a versión con estoxo con carga indutiva.
Os AirPods Pro non só teñen cancelación de ruído activa, senón que tamén achegan un son envolvente de calidade superior e un novo deseño de tapón ultralixeiro, estreando o que chaman ecualización adaptativa (adapta automaticamente as frecuencias baixas e medias da música á forma do ouvido). Amais, corrixen unha das grandes eivas dos auriculares de Apple ao incluír almofadas flexibles (de 3 tamaños distintos) que se axustan comodamente ao ouvido, á vez que tamén son resistentes á suor e á auga (IPX4), sendo máis aptos para a práctica deportiva.
Como vén a ser habitual noutros auriculares deste tipo, os AirPods Pro contan cun modo de son ambiente, ou sexa, que permiten axustar o nivel de cancelación de ruído, para poder escoitar música sen illarse completamente do mundo exterior (o que sería moi perigoso, por exemplo, ao saír a correr).
A autonomía dos AirPods Pro é equivalente á dos AirPods, aguantando até 5 horas de reprodución de audio, que redúcese até 4 horas e media se activamos a cancelación de ruído e até as 3 horas e media en conversa. Grazas ao estoxo de carga a autonomía pode incrementarse en 24 horas de reprodución musical ou 18 horas de conversa.
Algúns detalles a salientar destes auriculares é que contan coa función de Ear Tip Fit Test (para saber cal é a almofada de silicona máis axeitada para o noso ouvido), poden controlarse mediante voz, pode ler automaticamente as mensaxes que chegan ao iPhone e tamén son compatibles co modo de audio compartido (que permite que varios auriculares poden escoitar simultaneamente unha canción ou unha película que estea a reproducirse nun iPhone ou iPad.
Este produto serve así para responder ás esixencias de usuarios que consideraban crucial contar con cancelación de ruído activa (función interesante, por exemplo, para que viaxe con frecuencia en tren ou avión) e uns auriculares cunha mellor adaptación ao ouvido (para unha maior comodidade e suxeición), de xeito que temos un produto que, pese a ser extraordinariamente caro para uns auriculares intrauditivos, ten un claro nicho de mercado, e poderá convivir con outros dous modelos de AirPods.

Vídeo promocional do AirPods Pro

PUBLICIDADE