Os Chromecast con Google TV permiten ver as imaxes das cámaras de Google

mércores, 27 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Hai 9 anos que Google lanzou o seu Chromecast, unha solución moi práctica para levar contidos multimedia da Internet a televisores sen capacidades de Smart TV, e para celebrar o aniversario desta familia de dispositivos anuncian novas características para os mesmos, sendo a máis salientable que os Chromecast con Google TV recibirán soporte de timbres e cámaras Nest, de xeito que cando chame alguén á porta ou haxa un intruso no noso xardín poderemos ver a imaxe das nosas cámaras de Google directamente no televisor.
Para usar esta función chega con que lle digamos ao mando a distancia do Chromecast con Google TV que nos ensine unha cámara e amosará a imaxe en pantalla. Tamén será posible empregar outros dispositivos conectados para tal función (ou sexa, que poderemos dicirlle a un altofalante que nos amose a cámara da entrada no televisor).
Os Chromecast con Google TV tamén poden aproveitarse para ver a pantalla do noso móbil no televisor, para poder ver en pantalla grande as xuntanzas que teñamos a través de Google Meet, permiten que varios usuarios na mesma Wi-Fi poidan xestionar a cola de vídeos a reproducir en YouTube (característica ideal para festas) e tamén permite mover as reproducións entre dispositivos (para poder continuar a reprodución actual noutra estancia).

PUBLICIDADE