Os Coruña Hacks ultiman este sábado os seus proxectos solidarios e cidadáns

martes, 7 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña co obxectivo de dinamizar a produción de software libre na comarca e estreitar as ligazóns da comunidade desenvolvedora local), chega este sábado á súa final: a terceira e derradeira sesión da actual andaina de Coruña Hacks. Será no Centro Ágora en horario de 10.00 a 20.00 horas. En boa maneira, prolongarase e intensificarase o frutífero espírito de traballo común e irmandade acadado nas sesións previas de Coruña Hacks, que tiveron o formato de hackatons e nas que se encararon problemas reais da cidadanía con respostas concretas de software libre.
A andaina de Coruña Hacks que remata este sábado comezou o 6 de marzo e materializouse logo en dúas intensas sesións de traballo. Entre os proxectos materializados dende marzo atópanse OpenSmartFitness (plataforma libre para recoller e xestionar a información persoal sobre o exercicio físico realizado a través de sensores tamén libres como unha pulseira ou un velocímetro para a bici), subastasAEAT (aplicación para buscar no BOE as diversas poxas que realiza a AEAT e poder facer algún procesamento interesante sobre estes datos) e Web e Infraestrutura de Coruña Developers (web para xuntar a comunidade tecnolóxica argalleira da Coruña e comarca cun calendario que aglutine todos os eventos relacionados).
Nesta última sesión avaliaranse as tarefas realizadas durante as xeiras previas e serán entregados os premios aos proxectos.
Esta edición de Coruña Hacks traerá como novidade unha versión do evento para rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. Nesta versión, que se chama Coruña miniHacks, os grupos aprenderán a programar e desenvolver xogos e aplicacións utilizando sobre todo Scratch, pero co punto de mira posto (tamén) en linguaxes e plataformas como Python ou Arduino. A diferenza das outras sesións a deste sábado 11 de maio desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas, seguido da gala de presentación e premios.
Que son os Coruña Hacks?
Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”. Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.
Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentábeis e con capacidade transformadora”.

PUBLICIDADE