Os Galaxy M verán a luz este mes na India

luns, 14 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Grazas a Amazon India sabemos do novo produto que Samsung está a preparar: a nova familia de smartphones Galaxy M. Estes novos dispositivos presentaríanse o 28 de xaneiro e polo que podemos ver en imaxes, trátase de teléfonos que conseguen gozar da nova xeración de pantallas infinitas de Samsung, maximizando o espazo da pantalla na súa parte frontal o incluír unha pequena pestana superior para a cámara frontal. Na traseira podemos ver como ten un sensor de pegadas dixitais e tamén unha cámara dual que aposta por un angular ultra grande.
Outro dos puntos fortes que terán estes dispositivos será a súa batería, con grande autonomía e carga moi rápida (até 3 veces a velocidade dunha carga normal) á vez que non descoidan a potencia para poder gozar de grandes aplicacións e xogos.
En definitiva, que Samsung prepara unha liña de smartphones de nova xeración, que buscarán ter uns prezos moi axustados para recuperar espazo en certos mercados como o da India, onde está previsto que saian á venda modelos que estean no rango das 10.000 e das 20.000 rupias (123-246 euros).
Aínda que non se dixo nada até o momento, parece evidente que estes smartphones estarán dispoñibles en moitos outros mercados, podendo indicar a liña que seguirán moitos outros teléfonos nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE