Os Google Pixel 7 e 7 Pro chegarán ao mercado o 13 de outubro

xoves, 6 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Tras semanas de filtracións Google presentou oficialmente os seus novos móbiles insignia, o Pixel 7 e o Pixel 7 Pro, que supoñen un pequeno redeseño estético que os fai bastante recoñecibles á vez que incorpora o novo procesador Tensor G2 e Android 13, polo que serán smartphones moi atractivos para os incondicionais da compañía de Mountain View.
Os novos móbiles teñen un deseño elegante e resistente, con carcasa en aluminio reciclado, destacando o Pixel 7 polo seu tamaño compacto, xa que limita a súa pantalla a unha diagonal de 6,3 polgadas, mentres que o Pixel 7 Pro aposta por unha pantalla de 6,7 polgadas.
As cámaras tamén son diferentes entre ambos dispositivos, cun Pixel 7 capaz de aplicar un Super Res Zoom de até 8x mentres que o Pixel 7 Pro cun zoom de até 30x, aínda que se falamos de calidade óptica os niveis de zoom serían de 2x e 10x respectivamente. O Pixel 7 Pro tamén conta cun Enfoque Macro, que permite capturar obxectos a só 3 centímetros de distancia.
Estes novos smartphones tamén son capaz de gravar vídeo HDR de 10 bits e aplicar desenfoque cinematográfico para conseguir uns resultados moi efectistas, aínda que o detalle do que máis presumen as cámaras destes móbiles é de aproveitar a intelixencia artificial para mellorar a resolución de fotografías borrosas. A intelixencia artificial tamén xoga un papel importante nas fotografías nocturnas, no rexistro realista de tons de pel ou incluso como sistema de axuda para que unha persoa con problemas visuais poida autorretratarse.
O Pixel 7 chegará ao mercado o 13 de outubro a un prezo que parte dos 649 euros, mentres que o Pixel 7 Pro partirá dos 899 euros, ou sexa, que manterían o mesmo rango de prezos da anterior xeración de móbiles de Google, o que fai que esteamos ante dispositivos que gañan posicións competitivas con respecto aos móbiles de Apple.
Google tamén presentou outro produto moi agardado, o Google Pixel Watch, reloxo conectado moi prometedor que polo momento só estará dispoñible en 9 países entre os que non figura España.

Vídeo promocional dos novos teléfonos de Google

PUBLICIDADE