Os Premios Galicia das Telecomunicacións 2013 xirarán arredor das TIC como canle de mellora na seguridade viaria

xoves, 17 de outubro do 2013 Redacción

Fernando Vázquez, director xeral de Imatia e nomeado Enxeñeiro do ano

A Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información xa vai pola súa XVIII edición, abranguendo a celebración dos seus premios. Será o vindeiro venres 25 de outubro no Gran Hotel da Toxa (O Grove, Pontevedra) e o evento levará por título: As TIC e a mellora da seguridade viaria. Detrás destes galardóns atópanse o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) e contará coa presenza do conselleiro de Economía e Industria -Francisco Conde López- e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) -Mar Pereira- nomearase a Fernando Vázquez Núñez (director xeral de Imatia), Enxeñeiro do Ano; e a Alfonso Cabaleiro Durán (xerente de Galicia Calidade), Socio de Honra.
Nesta edición, os Premios Galicia das Telecomunicacións -encamiñados a recoñecer o talento e a innovación en Galicia- centrarán a súa atención na aplicación das TIC de cara á mellora da seguridade viaria. Emporiso, atendendo a isto os premiados xa foron desvelados por parte do COETG-AETG, sendo o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais para a empresa ImaxDI polo proxecto Mbeat, un dispositivo que permite o telediagnóstico cardiolóxico en tempo real, acurtando os tempos e minimizando o dano cardiovascular, achegando un grande beneficio social aos doentes e aos sistemas de saúde. O Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2013 (patrocinado pola Fundación do mesmo nome e dotado con 6.000 euros), correspondeulle nesta edición á empresa Confirmsign pola súa aplicación homónima, que conta cunha clara orientación á internacionalización e consolidación de mercados e por ser unha iniciativa novidosa con proxección de crecemento. O Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC concédeselle a Alejandro Nieto Lareo pola súa tese Dynamically Reconfigurable Architecture for Embedded Computer Vision Systems, que abrangue o problema real da limitación das arquitecturas de hardware dispoñibles para aplicacións de visión por computador, cun deseño avanzado e posibilidades reais de transferencia dende a área de investigación ás solucións industriais, avaladas xa por patentes internacionais en curso. E o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC é para a Plataforma Galega de Telexestión de Contadores PRIME para as redes eléctricas intelixentes, deseñada pola empresa Telecon Galicia, como proxecto industrial asentado en Galicia, que xerará novas oportunidades de desenvolvemento baseadas nos datos obtidos polo sistema, que abre a porta a novas aplicacións no estratéxico sector da eficiencia enerxética.

PUBLICIDADE