Os Premios Spin-Off PuntoGal recoñecerán a proxectos empresariais galegos

martes, 14 de xullo do 2020 Redacción

Convócase a cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas. Estes galardóns son herdeiros dos Premios Galicia Spin-Off, que en anos anteriores xa premiaron a destacados proxectos empresariais realizados en Galicia. As empresas interesadas en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de setembro.
Nesta nova edición, os premios recoñecerán o labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O obxectivo é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.
No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías coma Imatia, Galchimia ou Innolact.
As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. Noutras edicións dos premios acadaron este galardón compañías tan destacadas coma Situm, All Genetics e HG Beyond.

Nova categoría

Na edición deste ano introdúcese unha novidade coa nova categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.
As empresas ou grupos de investigación interesados en participar nas dúas últimas categorías poderán presentar en liña a súa candidatura, estando xa publicadas as bases desta convocatoria.
Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das Universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía.
Os finalistas e gañadores nas distintas categorías se darán a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase nos últimos meses de 2020.

PUBLICIDADE