Os Premios Spin-Off Puntogal 2020 terán un xurado cen por cen feminino

venres, 25 de setembro do 2020 S. P.

A organización dos Premios Spin-Off PuntoGal, que teñen o prazo para a presentación de candidaturas até o 30 de setembro, anunciou os días pasados os nomes das integrantes do xurado que se encargará de valorar as candidaturas das empresas e grupos de investigación que participan nesta cuarta edición dos galardóns. Será un xurado cen por cen formado por mulleres, representantes femininas da investigación científico-tecnolóxica da nosa terra e, tamén, da puxante innovación empresarial galega.
Trátase de Edita de Lorenzo, investigadora do Centro AtlantTIC (UVigo) e profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; Sonia Martínez Arca, directora da empresa Sigillum Knowledge Solutions; María José Rodríguez Malmierca, responsábel da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); e Carme Pampín, unha das fundadoras e actual directora executiva da empresa Galchimia, referente internacional en química orgánica. Xunto a elas tamén participará Faustino Infante Roura, xefe de servizo de Planificación e Estruturación Universitaria da Xunta de Galicia.
Como dixemos no seu día dende Código Cero, o pasado verán, a cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal diríxese a recoñecer as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas. Estes galardóns son herdeiros dos Premios Galicia Spin-Off, que en anos anteriores xa premiaron a destacados proxectos empresariais realizados en Galicia.
Nesta nova edición, os premios recoñecerán o labor desenvolvido polas empresas e os grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O obxectivo é recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.
No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías coma Imatia, Galchimia ou Innolact.
As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. Noutras edicións dos premios acadaron este galardón compañías tan destacadas coma Situm, All Genetics e HG Beyond.
Na edición deste ano introdúcese unha novidade coa nova categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.
Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase nos últimos meses de 2020.

PUBLICIDADE