Os Samsung Galaxy S Wi-Fi 4.0 e 5.0 xa están dispoñibles en España

venres, 1 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Samsung continúa a ampliar a súa familia de dispositivos Galaxy, achegando agora ao mercado español os dispositivos Galaxy S W-Fi 4.0 e 5.0, que veñen a ser MID de Samsung, ou sexa, terminais pensados para acceder á Internet, pero que non son teléfonos móbiles, estando máis próximos a reprodutores multimedia portátiles como o iPod Touch, pero con máis funcionalidades.
Ambos modelos funcionarían cun procesador a 1 GHz, sistema operativo Android 2.2 (actualizable a 2.3), 8 Gb de almacenamento Internet ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara para videoconferencias, radio FM e GPS. Tamén poderían acceder tanto ao Android Market como a Samsung Apps, para a descarga de aplicacións.
O Galaxy S Wi-Fi 4.0 ten unha pantalla SC-LCD de 4 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, batería de 1.200 mAh, unhas medidas de 64,2 x 123,7 x 9,9 milímetros e un peso de 121 gramos; mentres que o Galaxy S Wi-Fi 5.0 ten unha pantalla TFT de 5 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, unha batería de 2.500 mAh, unhas medidas de 78,2 x 141,3 x 11,9 gramos e pesa 182 gramos.
Aínda que estes dispositivos poidan funcionar principalmente como reprodutores multimedia portátiles, teñen un grande potencial para acceder ao correo electrónico, navegar pola web, xogar, realizar videoconferencias, facer chamadas de VoIP e moitas das prestacións das que gozan os móbiles con Android, agás polo feito de que carecen de conectividade 3G.
Os prezos de venda en España do Galaxy S Wi-Fi 4.0 e 5.0 son de 259 e 299 euros respectivamente.

O Galaxy S Wi-Fi 4.0 pode funcionar como un completo reprodutor multimedia portátil, con recepción (e gravación) de radio FM

PUBLICIDADE