Os audiovisuais de Unha palabra para Xela, no Portal da Lingua

martes, 4 de maio do 2021 Pedro Pérez

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a segunda edición do espazo audiovisual Unha palabra para..., que desta vez terá como protagonista á autora Xela Arias Castaño, a poeta homenaxeada este ano na festa do 17 de maio. A iniciativa que se encadra no marco da programación institucional Letras Galegas 2021 ten como obxectivo a divulgación da vida, da figura e da obra da autora homenaxeada. Podemos ver algunhas das contribucións deste ano no Portal da Lingua.
A iniciativa Unha palabra para Xela contará coa participación de académico/as da lingua galega, familiares e amigos que tiveron relación coa autora. Cada un deles elixe en cadansúa peza audiovisual unha palabra que destaca a calidade que mellor define á homenaxeada ou retrata un trazo persoal, faceta ou obra que valore especialmente.
Neste caso, os participantes inclúen a palabra nena, inconforme, transgresión, editora, entre outras para que tódolos termos vaian debuxando ao longo de 31 pílulas audiovisuais un retrato colectivo. Ademais a presentación permitirá desfrutar das lecturas de fragmentos de poemas e textos da autoría de Xela Arias, que conformarán un retrato sinxelo e plural da autora arredor do 17 de maio.
Por último, a programación audiovisual das Letras Galegas 2021 permitirá a todo quen queira participar a través das redes sociais mediante o cancelo #unhapalabraparaXelaArias, e que servirá para espallar estas pílulas diariamente no Portal da Lingua Galega e nas Internet.

PUBLICIDADE