Os bateeiros poderán consultar o estado das súas áreas de produción a través dunha app
xoves, 20 de febreiro do 2020
O
traballo da xente do mar segue a dar pasos cara a súa transformación
tecnolóxica. Se
os días pasados dimos conta da modernización das lonxas galegas a
través do programa Primare, agora é a quenda do sector
bateeiro, que, segundo informou hoxe a conselleira do Mar, Rosa
Quintana, vai poder acceder á información sobre o estado do mar das
súas áreas de actividade a través dunha aplicación móbil
específica.
A
app presentouse este xoves 20 de febreiro en Vilanova de
Arousa, da man dos responsábeis de INTECMAR
e da propia conselleira, que explicou que o obxectivo primeiro era
facilitar o traballo dos socios do Consello Regulador de Denominación
de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, ao tempo que se puña
en xogo un importante elemento de optimización e eficiencia.
Segundo
fixo saber Quintana, información que se lles vai proporcionar aos
bateeiros a través do móbil é a información que brinda o
Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia
(INTECMAR) sobre o estado das zonas de produción de moluscos
bivalvos ante fenómenos como a presenza de biotoxinas mariñas.
Estes datos estarán á súa disposición de xeito rápido, doado e
cómodo.
O
novo servizo, denominado API REST, permite consultar o estado das
diferentes zonas de produción de Galicia, tanto no que respecta ao
estado das biotoxinas mariñas como na clasificación microbiolóxica
desas zonas. A conselleira lembrou que a ferramenta é un dos
instrumentos tecnolóxicos (sitios web, aplicacións para móbiles)
postos en xogo polo INTECMAR ao servizo do sector.
Rosa
Quintana mostrou a súa confianza en que esta nova ferramenta
contribúa a impulsar a DOP Mexillón de Galicia, “a única para
produtos do mar existente en España”, así como “o traballo dos
seus socios”.