Os calotes mediante páxinas web de compra compartida proliferan na Rede

luns, 2 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Nas últimas semanas conseguiu captar bastante atención en España unha tenda de compra compartida chamada Sharazon.es, que contou co apoio de múltiples influencers, e do que non cesan as advertencias de que se trata dunha fraude, xa que o que semella unha compra de produtos a prezos de auténtica ganga responde realmente a un esquema de negocio piramidal, na que se establecen listaxes de compra na que os últimos en chegar pagan parte da compra dos primeiros.
Un dos casos máis descarados de promoción desta fraude foi o de Omar Montes, quen publicara en Instagram unha historia anunciando Sharazon dun xeito tan patético (lendo a mensaxe claramente) que o vídeo fíxose viral, e serviu en boa medida para que este tipo de negocios saísen á luz. Cómpre advertir de que cada vez hai máis negocios deste tipo, que aproveitan o alcance dos influencers para propagar os seus calotes, polo que habería que ter moito tino á hora de querer aproveitar certas gangas e códigos de desconto que atopemos en plataformas sociais que poden agochar esquemas que levan ao engano. De feito, en Italia, de onde provén Sharazon, impuxeron hai pouco unha multa dun millón de euros a 6 páxinas web de buy&share ou compra compartida.
Dende Sharazon ofrecen produtos con até o 70% de desconto sobre o prezo de mercado, pero o feito de que haxa que pagar mediante transferencia bancaria a un banco de Malta dificulta a defensa dos consumidores ante unha compañía que nin sequera ten traballadores en España e que ten unha presenza en liña moi opaca: comentarios pechados, elevado número de seareiros falsos e un alcance conseguido mediante campañas pagadas (principalmente a influencers sen escrúpulos).
En calquera caso, ver que Sharazon ofrece cámaras GoPro Hero 7 a 183 euros, móbiles iPhone Xr de 64 GB a 330 euros ou reloxos Apple Watch a 170 euros deberían disparar todas as alarmas, xa que son produtos que non conseguen eses prezos nin cando se venden restaurados ou de segunda man, polo que teriamos que sospeitar que estamos ante ofertas demasiado boas para ser certas.

PUBLICIDADE