Os capítulos da miniserie documental Camiñantes do noso estrearanse no Portal da Lingua Galega

xoves, 3 de decembro do 2020 Redacción

O actor e director Rubén Riós e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron este martes primeiro de decembro na presentación de Camiñantes do noso, unha miniserie documental xurdida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia que pon en valor a visión dos anciáns sobre o Camiño de Santiago. A cita celebrouse no salón de actos do Pazo de San Roque, en Compostela.
Segundo explicou Valentín García, Camiñantes do noso “ten o acerto de poñer en valor o papel da xeración dos nosos anciáns e anciás na creación da Galicia presente e futura, en destacar todo o que nos transmitiron”, indicou, salientando o acerto desta produción audiovisual á hora de pór as antigas xeracións como modelo, “porque as xeracións máis novas temos a responsabilidade de recoller ese legado e entregarllo aos que veñen atrás nosa”. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación Rubén Riós, protagonista, autor e produtor do proxecto.
Camiñantes do noso, produción de Claqueta Coqueta é unha miniserie documental de 10 capítulos no que o autor percorre as dez etapas da Vía da Prata que separan A Canda de Santiago. Os testemuños das persoas que interveñen no audiovisual xiran en cada programa arredor dun tema, como o Camiño de Santiago, o abandono rural, a soidade, a actual crise sanitaria, a familia, o orgullo galego, a violencia de xénero ou o emprendemento empresarial.
Os 10 capítulos de Camiñantes do noso iranse publicando semanalmente a partir deste venres, e ata o 5 de febreiro de 2021, no Portal da Lingua Galega, onde se pode ver un adianto da miniserie.
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021
O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ao que pertence Camiñantes do noso, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19. O repositorio, integrado por contidos virtuais e presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise sanitaria e abrir unha vía para a continuidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

PUBLICIDADE