Os centros penitenciarios galegos continúan a recibir formación en software libre

mércores, 24 de setembro do 2014 Redacción

Por segundo ano consecutivo, o colectivo de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA, imparte obradoiros tecnolóxicos con ferramentas libres nos centros penitenciarios de Galicia.O obxectivo desta actividade é poder achegar á poboación reclusa da nosa comunidade talleres prácticos nos que coñecer os conceptos básicos relacionados co software libre, e traballar con ferramentas libres, como LibreOffice, Gimp, VLC, ou Inkscape. Até o momento, xa se impartiron accións formativas nos centros penitenciarios de Teixeiro e Bonxe, así como no CIS Carmen Avendaño de Vigo.
O obradoiro tecnolóxico de Teixeiro foi impartido durante o mes de xuño polo voluntario da asociación MeLiSA, Salvador Tabarés. Contou coa asistencia de 15 internos do centro situado no concello de Curtis, os que puideron coñecer de primeira man as vantaxes de utilizar un sistema operativo libre baseado en GNU/Linux.
A semana pasada remataron os talleres impartidos en Bonxe e no CIS de Vigo. O primeiro foi executado tamén por Salvador, e o segundo polo membro de GALPon, Miguel Bouzada.A diferencia dos talleres executados dentro das instalacións dos centros penitenciarios, as accións dos CIS son impartidas nas aulas dispoñibles dentro da rede CeMIT.
Onte comezou o obradoiro no centro penitenciario de Monterroso, que conta cun total de 12 internos participando no mesmo e no mes de outubro executaranse os restantes obradoiros, no centro de O Pereiro de Aguiar, A Lama, e o CIS Carmela Arias y Díaz de Rábago da Coruña. Completando deste xeito, os 7 centros penitenciarios cos que conta a nosa comunidade.
Estas actividades de MeLiSA están enmarcadas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

PUBLICIDADE