Os clientes non oficiais de Twitter terán limitadas as súas funcións a partires do 16 de agosto

venres, 6 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Semella que o vindeiro 16 de agosto será un día funesto para moitos usuarios de Twitter e para as empresas que desenvolven aplicacións para esta plataforma social, xa que confirmouse que en tal data eliminarán os chamados servizos de streaming de Twitter, o que supón que as aplicacións de terceiros deixarán de poder gozar de notificacións push e da actualización automática das cronoloxías.
Estes cambios en Twitter farán que aplicacións como Talon, Tweetbot, Tweeting ou Twitterrific non poidan funcionar dun xeito digno, xa que Twitter non lles achegou unha solución que lles permite incorporar algún método viable para continuar a operar como até agora, sen traumas para os seus usuarios.
Os responsables destas aplicacións levan máis dun ano coñecendo estes cambios e esperando que Twitter achegase algunha solucións para o que podería considerase unha especie de apocalipse, pois os usuarios abandonarán en masa estes clientes de Twitter para móbiles cando perdan varias das súas funcionalidades básicas das que si contan as aplicacións oficiais de Twitter (que son de balde).
Aínda que dende Twitter poden asegurar que si existen solucións para o problema, estas solucións non son viables de ningún xeito, xa que o acceso á API que achegan para enviar notificacións push ten un límite de 15 contas de Twitter (cando cada aplicación ten centos de milleiros de usuarios) e existen métodos de pagamento de superar tal barreira, pero para 250 usuario o prezo sería de 2.899 dólares/mes, cantidade totalmente desproporcionada, especialmente se temos en conta que até agora o servizo era de balde. Con estas contas, unha aplicación cliente de Twitter que queira poder operar sen perder cartos tería que cobrar ao usuario máis de 16 dólares/mes, prezo que practicamente ningún cliente particular estaría disposto a asumir.
Esta situación é claramente prexudicial para as empresas desenvolvedoras de aplicacións e para os propios usuarios finais, que se mercaban aplicacións de terceiros era precisamente porque ofrecían un valor engadido, que melloraba a experiencia de uso. De feito, moitas das funcionalidades que actualmente ten Twitter están inspiradas en moitas das aplicacións que no seu día foron as que popularizaron Twitter no móbil (por exemplo, no iPhone Tweetbot é unha ferramenta considerada como imprescindible para moitos), e cos cambios no funcionamento da plataforma Twitter claramente borrando do mapa as aplicacións de terceiros para acceder á súa plataforma.
Os responsables de Twitterrific para iOS e macOS veñen de dar explicacións sobre este polémico tema, asegurando que xa actualizaron a súa aplicación para os cambios en Twitter, de xeito que supliron o sistema de streaming de chíos cun mecanismo de recarga cada 2 minutos (o que durante os eventos en directo suporá un problema, pois a información non fluirá en tempo real), mentres que no caso das notificacións push admiten que non teñen nada que facer, de xeito que a partires do 16 de agosto Twitterrific non poderá recibir nin amosar notificacións de xeito nativo. De feito, dende Twitterrific comentan que os usuarios que gustan da aplicación poden seguir empregándoa, pero recomendan ter en paralelo a aplicación oficial de Twitter para recibir as notificacións push.
A última actualización de Twitterrific tamén elimina as funcionalidades para Apple Watch, xa que estas deixarían de funcionar o mes que vén, e os responsables da aplicación consideraron oportuno deixar de dar soporte a unha prestación que xa ten data de caducidade.

PUBLICIDADE