Os detalles de Destapando Casares centraron o remate do curso de medios audiovisuais de Celanova

martes, 16 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A semana pasada púxose o punto e final á dezaseis edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, do que falamos en Código Cero para avanzar detalles dunha das grandes actividades abeiradas ao seu programa: a filmación da webserie Destapando Casares por parte das mozas e mozos participantes o obradoiro. Precisamente esta serie en liña foi un dos temas que abordou na xornada de remate: visualizouse un avance da mesma e proxectáronse tres curtametraxes. Amais, lembrouse un dos grandes obxectivos do curso: pór en interacción a alumnado do eido audiovisual con profesionais do sector. Por exemplo Sergio Frade e Xacio Baño (autores de Trote), Pedro Alonso (Feedback) e Pepe Coira (Hierro).
A actividade formativa, dirixida por Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, profesores da Universidade de Vigo, estivo organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Fundación Carlos Casares e contou co apoio de entidades como a Deputación de Ourense, AGADIC e o Concello de Celanova.
“A edición deste ano foi fantástica”, comentou Paulino Pérez na sesión de peche, salientando a diversidade de producións abordadas e o formato adoptado, “sen mesa de por medio”, que permitiu ao público asistente, na súa maior alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, “falar directamente cos directores, produtores, etc, amais de facerlles as preguntas e interactuar con eles”.
O venres, día de peche do curso, a programación arrancou cunha sesión titulada Talento en curto na que se proxectaron e analizáronse, de man dos seus responsábeis, tres curtametraxes feitas por persoas que se están a formar no eido audiovisual en Galicia. Concretamente, participaron as pezas O que precede á caída é branco, de Aldara Pagán, da Universidade de Santiago de Compostela; Zugzwang, de Diego Markwalder, da Escola de Imaxe e Son de Vigo, e A ningunha parte, de Pedro Vilas, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.
Tras unha mesa redonda sobre o percorrido das producións audiovisuais na que participaron Dolores Meijomín, de AGADIC, e Mamem Quintas, de Ficción Producións, proxectouse o making of da produción realizada por alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo dentro do Taller Celanova Plató de Ficción, que se desenvolve cada ano no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. A proposta elixida para esta edición do obradoiro, titulada Destapando Casares, consiste na produción dunha obra de ficción transmedia, composta por unha webserie de cinco capítulos, un blog, os podcast e o seu desenvolvemento nas redes sociais de Instagram e Tinder. Actualmente en fase de montaxe, a peza foi gravada no Campus de Ourense e será estreada o vindeiro curso académico.

PUBLICIDADE