Os expertos reunidos en GaliciaTIC coinciden en alentar a transformación

xoves, 23 de maio do 2019 Redacción

Os participantes no debate de apertura

Hoxe celebrouse en Santiago, na Cidade da Cultura e ante a presenza duns 250 asistentes, a nova edición (a 27) de GaliciaTIC, o senlleiro encontro tecnolóxico galego. No congreso, organizado pola asociación de empresas dixitais Ineo, participaron relatores de primeiro nivel, até 30, como por exemplo Ed Gabrys, experto analista da consultora Gartner, quen pronunciou a conferencia inaugural. Gabrys asegurou que para que a transformación dixital “sexa efectiva” é preciso que as organizacións e empresas aposten “polo cambio cultural”.
E engadiu: “Coido que o problema real non é que a cultura da organización sexa resistente ao cambio, senón que os líderes de transformación dixital carecen con frecuencia dos métodos ou das ideas para cambiar os comportamentos culturais”.
A XVII edición de GaliciaTIC 2019 congregou a preto 250 asistentes e abordou os retos aos que se enfronta o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na nosa terra. Así, nos intres previos á intervención de Gabrys, celebrouse un debate no que participaron expertos da denominada tripla hélice da innovación (administración, universidade e empresa) e que foi moderado polo director do foro, Miguel Merino.
Segundo asegurou Merino, “atopámonos ante un momento clave debido á maduración de tecnoloxías que marcan un antes e un despois na liña do desenvolvemento innovador, que son cada vez máis coñecidas e empezan a ser aplicadas ao mundo empresarial e á sociedade en xeral”. No debate participaron Mar Pereira, directora da AMTEGA; Miguel Merino, en representación da Universidade de Vigo; Fernando Vázquez, director executivo e fundador de Imatia; Ramón Ares, director executivo de Ozona e Luis Sestelo, presidente de Ineo. Os cinco abordaron os desafíos do sector TIC galego e temas como a importancia da internacionalización ou as solucións á escaseza de talento tecnolóxico-dixital.
Mar Pereira, directora de AMTEGA, arrincou o debate falando do impacto que ten a tecnoloxía en todos os aspectos e incidiu en que hai que reforzar o ecosistema dixital coa especialización e as alianzas: “Necesitamos perfís que xestionen e lideren proxectos de transformación dixital que son os que nos sitúan de maneira diferencial en todo o mundo”.
Merino, pola súa banda, explicou que o sector TIC en Galicia representa o 5% do total de España, e que isto só se reflicte nun 2,7 % da súa contribución ao PIB nacional. A este respecto, Fernando Vázquez, de Imatia, apuntou a que “o problema do medre pasa polo investimento” e fixo fincapé na importancia de capitalizar as empresas “para que estas poidan crecer e apostar pola creación de produtos”.
Para Luis Sestelo, é fundamental a colaboración empresarial: “Precisamos que as compañías poidan traballar de maneira colaborativa, fai falta gañar tamaño e especializarse”.
Ramón Ares, CEO de Ozona, salientou que “en Galicia cústanos ceder a propiedade. A maior parte das empresas son froito de iniciativas profesionais que se concretaron en empresas, que son dirixidas polas mesmas persoas que as crearon e ás que lles custa ceder parte da xestión”. Ares animou a todas as tecnolóxicas a “traspasar fronteiras” e fixo fincapé “na calidade das empresas galegas que están internacionalizadas”.
Ao longo da mañá, GaliciaTIC 2019 acolleu outras mesas de debate nas que participaron especialistas de empresas de renome como Orange, Microsoft, Nokia, R, Abanca, Telefónica, Hijos de Rivera, Sanitas ou Deloitte, entre outras moitas. Tratáronse cuestións como a Intelixencia Artificial na empresa, o traballo dixital, a computación na nube, as tecnoloxías 5G, as Cidades Intelixentes, a aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito sanitario, a escaseza do talento TIC e a Industria 4.0, automatizada, sustentábel e eficiente.

PUBLICIDADE