Os grandes xogos da futura Xbox amosaranse o 23 de xullo

luns, 6 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A ausencia da feira E3 levou a que as compañías de videoxogos non presentasen as súas novidades concentradas nunha única semana, e a primeira das novas consolas que quixo presentar parte do seu futuro catálogo foi Microsoft, cun evento virtual a primeiros de maio no que deixaron ver xogos de compañías alleas a Microsoft, o que decepcionou a moitos xogadores que non souberon entender que o prato forte chegaría máis adiante, e finalmente xa temos data para a grande presentación dos xogos para Xbox Series X.
O Xbox Games Showcase celebrarase o vindeiro 23 de xullo ás 18:00 horas, podendo seguirse a través de Twitter, Facebook, YouTube e Twitch, para que os xogadores de todo o mundo poidan coñecer detalles de xogos que demostrarán a potencia da nova xeración de consolas, entre os que destacará especialmente Halo Infinite, aínda que tamén hai rumores que apuntan a outros lanzamentos como Fable 4 ou un novo Perfect Dark, así como outros títulos xa anunciados así como algunha que outra sorpresa.
A grande incógnita deste evento por streaming é se Microsoft decidirá ir máis aló dos xogos e ousar a presentar hardware, xa que distintas fontes apuntan a que está previsto que no mes de agosto se presente a Xbox Series S, unha versión económica da Xbox Series X que podería ser toda unha revolución na estrea das novas, facendo máis asumible que nunca o salto entre xeracións. Parece razoable pensar que este anuncio terá lugar máis adiante, cando se dea a coñecer o prezo e a data de lanzamento das novas consolas.

PUBLICIDADE