Os mandos de 8BitDo agora son compatibles cos dispositivos de Apple

luns, 20 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O fabricante de mandos para videoxogos 8BitDo vén de anunciar que os seus mandos SN30 Pro for Android, SN30 Pro, Pro+, Pro 2, Ultimate 2.4g e Lite SE estrean compatibilidade con dispositivos de Apple, concretamente cos que teñan como mínimo as versións de sistema operativo iOS 16.3, iPadOS 16.3, macOS 13.2 ou tvOS 16.3.
Deste xeito os usuarios de ordenadores, móbiles, tabletas de Apple ou de dispositivos Apple TV poden gozar dos diferentes formatos de mando físico que ofrece 8BitDo, adaptándose a distintos tipos de formas de xogar.
No caso dos dispositivos móbiles os mandos funcionarán con xogos que soporten mandos MFI (entre os que destacan todos os xogos do catálogo de Apple Arcade), mentres que no caso de ordenadores de Apple ou de tabletas con portos USB-C pódese destacar a posibilidade de gozar dos mandos a través de USB.
Esta novidade de seguro que agradará a moitos xogadores que se facían con mandos desta marca por os seus deseños nostálxicos (imitando a estética de consolas clásicas) ou pola súa versatilidade, mellorando este último factor agora que tamén poden empregarse con dispositivos de Apple, para o que é preciso actualizar o firmware dos mandos á súa última versión.

Vídeo co que 8BitDo anuncia a compatibilidade cos dispositivos de Apple

PUBLICIDADE