Os monitores de Samsung con funcións de Smart TV chegan a España

luns, 18 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

A gama Smart Monitor de Samsung chega finalmente a España buscando innovar no xeito de empregar as pantallas para traballar, estudar ou entreterse, para o que poñen a disposición do público dous modelos de pantalla, os Smart Monitor M5 e Smart Monitor M7, que se diferencian basicamente pola súa resolución (alta definición e ultra alta definición respectivamente).

Eses novos monitores destacan por integrar Tizen, ou sexa, por contar con software propio dos Smart TV de Samsung, de xeito que non só serven para o seu uso conectado a un ordenador persoal, senón que tamén poden aproveitarse para executar as habituais aplicacións que facilitan o acceso a servizos de vídeo baixo demanda (Netflix, YouTube, HBO...), para acceder remotamente ao noso posto de traballo sen necesidade dun PC (cando fagamos uso das aplicacións de Microsoft 365), para presentar contidos do noso smartphone e para moitas outras funcionalidades, de xeito que son válidos para traballar e para xogar, pero supondo un aforro de espazo, xa que non é preciso contar con varios dispositivos. Tamén integran o asistente de voz Bixby no seu mando a distancia.

O Smart Monitor M5 chega con resolución Full HD e dous tamaños de pantalla (27 e 32 polgadas) pensando en adecuarse ao espazo dispoñible, tendo uns prezos un tanto contidos (249 e 289 euros) mentres que o Smart Monitor M7 está dispoñible só en 32 polgadas con resolución 4K e a un prezo de 399 euros.

Os novos monitores de Samsung resultan prácticos porque poden empregarse tanto para o traballo como para o lecer

PUBLICIDADE