Os novos Galaxy Watch4 poden calcular a composición corporal

mércores, 11 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe os seus novos smartwatches Galaxy Watch4 e Galaxy Watch4 Classic, que supoñen un grande cambio na estratexia da compañía surcoreana no ámbito dos wearables xa que abandonan o sistema operativo Tizen para apostar por Wear OS, sistema operativo de Google co que agora colabora Samsung.
Os novos reloxos funciona con hardware de grande rendemento e están equipados con One UI Watch, unha interface de uso bastante intuitiva, de xeito que conseguen unha boa experiencia de uso dende estes accesorios centrados cada vez máis no control do estado de saúde.
O Galaxy Watch4 está equipado cun sensor BioActive de Samsung, que nun único chip integra sensor óptico de frecuencia cardíaca, sensor eléctrico de frecuencia cardíaca e de impedancia bioeléctrica para poder controlar a tensión arterial, detectar o latido irregular, medir o nivel de osíxeno en sangue e, como grande novidade, calcular a composición corporal, función que mide a masa muscular, a taxe metabólica basal, a auga corporal e a porcentaxe de graxa corporal, achegando un coñecemento máis profundo do estado físico.
Aparte de rexistrar numerosas actividades deportivas, os novos reloxos tamén rexistran patróns de sono e detectan ronquidos e obteñen o nivel de osíxeno en sangue mentres se durme.
A incorporación de Wear OS permite que os Galaxy Watch poidan navegar con Google Maps, utilizar a mensaxería de Google, pagar con Google Pay, gozar de YouTube Music (podendo incluso descargar a música para o seu uso sen conexión) e descubrir numerosas aplicacións na tenda de Google sen por iso ter que deixar de lado servizos populares de Galaxy como Samsung Pay, SmartThing e Bixby. Tamén permite gozar de aplicacións de terceiros como Strava e Spotify.
O Galaxy Watch4 presume de funcionar cun procesador de 5 nanómetros (o Exynos W920), que mellor un 20% a velocidade da CPU, un 50% a cantidade de RAM e multiplica por 10 a velocidade da GPU, conseguindo así que a experiencia de uso sexa mellor que na anterior xeración de reloxos de Samsung. Tamén conta con 16 GB de almacenamento interno para aplicacións, música e fotografías.
Estes reloxos chegan en dous tamaños e dous deseños, de xeito que o Galaxy Watch4 sería o modelo deportivo con correas de 40 e 44 milímetros (e pantallas de 1,2 e 1,4 polgadas) que parten dun prezo de 269 euros con Bluetooth e 319 euros con 4G; mentres que o Galaxy Watch4 Classic sería un reloxo máis tradicional, con bisel xiratorio, con tamaños de correa de 42 e 46 milímetros (e pantallas de 1,2 e 1,4 polgadas) que parten dos 369 euros con Bluetooth e dos 419 euros con 4G. Poden reservarse dende hoxe e chegarán ás tendas o 27 de agosto.

Vídeo promocional do Samsung Galaxy Watch4

PUBLICIDADE