Os novos Oppo Find X5 e X5 Pro aspiran a ser referentes na gama alta de Android

xoves, 24 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

A familia de móbiles Oppo Find X5 presentouse oficialmente, con procesadores Qualcomm Snapdragon de alta gama e un chip de procesamente de imaxe MariSilicon X, co que buscan potenciar as posibilidades das súas cámaras. Estes móbiles chegarán ao mercado o 14 de marzo, cun prezo de 999 euros o Oppo Find X5 e de 1.299 euros o Oppo Find X5 Pro.
O Oppo Find X5 ten unha pantalla Full HD+ AMOLED de 6,55 polgadas e un refresco de 120 Hz cunha cámara frontal de 32 Mpíxeles, mentres que na súa traseira ten unha cámara principal de 50 Mpíxeles, un grande angular de 50 Mpíxeles e un teleobxectivo de 13 Mpíxeles. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 888 5G, 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno UFS3.1, presumindo dunha batería de 4.800 mAh con carga rápida de 80 watts e carga sen fíos (incluso reversible). Un smartphone moi completo e competente que como reclamo conta coa marca Hasselblad, que colaborou no desenvolvemento do seu procesado fotográfico.
Para usuarios máis esixentes temos o Oppo Find X5 Pro, cunha pantalla Quad HD+ AMOLED de 6,7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, cámara frontal de 32 Mpíxeles e unha cámara traseira tripla con sensor principal de 50 Mpíxeles. Desta volta o seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1, e de RAM chega até os 12 GB de LPDDR5, mentres que de almacenamento interno conta con 256 GB UFS3.1. A súa batería de 5.000 mAh pode cargarse até a 80 watts, contando incluso con carga inversa sen fíos (útil para a carga de accesorios compatibles coa carga por indución), e tamén conta con resistencia IP68 e destaca por ter unha traseira cerámica en vez de optar polo cristal como o seu modelo máis básico.
Haberá que ver como renden estes teléfonos, pero o que parece bastante evidente é que a gama alta de Android continúa a ter bastante competencia, de xeito que os fabricantes chineses non queren deixar que este segmento de mercado estea monopolizado por Samsung.

Vídeo promocional dos novos Oppo Find X5

PUBLICIDADE