Os novos Samsung Galaxy S20 chegan ás tendas españolas

xoves, 12 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Hai un mes Samsung presentou os seus smartphones da serie Galaxy S20, que destacaban especialmente polas súas cámaras, conseguindo que a compañía surcoreana gañase posicións na carreira polas mellores cámaras que lideraron outros fabricantes nos últimos dous anos, e estes atractivos dispositivos dispoñibles con conectividade 5G chegan ás tendas para establecerse como o grande referente dos teléfonos con Android.
Os Galaxy S20 chegan en tres tamaños de pantalla, podendo tamén adquirirse en versións 4G (100 euros máis baratas que con conectividade 5G), sendo os prezos oficiais das versións 5G os seguintes: o Galaxy S20 con pantalla de 6,2 polgadas véndese a un prezo oficial de 1.009 euros; o Galaxy S20+ con pantalla de 6,7 polgadas ten un prezo de 1.109 euros; e o Galaxy S20 Ultra con pantalla de 6,9 polgadas custa 1.359 euros con 128 GB de almacenamento interno e 1.559 euros con 512 GB de almacenamento interno.
Cómpre advertir de que a maior tamaño de pantalla cada smartphone tamén ten maior capacidade de batería, que os modelos S20 e S20+ teñen un sensor de cámara principal de 64 Mpíxeles, mentres que o S20 Ultra ten un sensor principal de 108 Mpíxeles. Todos estes modelos poden gravar vídeo 8K; contan con numerosos modos fotográficos; presentan unhas pantallas con resolución QuadHD+ con HDR10+, velocidade de refresco de 120 Hz, perforación para a cámara frontal e lector de pegadas integrado; presumen de carga rápida por cable e sen fíos (contando tamén con PowerShare para pode recargar accesorios compatibles por contacto); teñen resistencia ao po e á auga; permiten o seu uso con eSIM; e tamén permiten realizar pagamentos móbiles (Samsung Pay).
Pero estes smartphones non chegan sós, senón que veñen acompañados por unha ampla selección de accesorios, entre os que destacan as fundas, que van dende modelos básicos de silicona até unha edición de fundas exclusivas para o S20+ da firma danesa Kvadrat, en cor verde, gris e coral, fabricadas en material reciclado de botellas. Tamén recuperan as espectaculares fundas LED View e Clear View, que teñen innovadores xeitos de amosar detalles como a hora ou notificacións coa tapa da funda pechada.

PUBLICIDADE