Os novos iPhone 13 melloran considerablemente as súas cámaras

martes, 14 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Finalmente Apple presentou o seus novos iPhone, que mantiveron un deseño continuista, de xeito que podemos velos como unha simple evolución dos modelos do ano pasado, apostando desta volta por mellorar as súas cámaras (especialmente na gravación de vídeo) e coidar a autonomía.
Os iPhone 13 e iPhone 13 mini manteñen os seus tamaños de pantalla de 6,1 e 5,4 polgadas, pero a súa cámara traseira dual incrementan os seus sensores e xunto coa estabilización óptica de imaxe conseguen mellores fotografías e vídeos baixo pouca luz, á vez que incorporan modo Cine, que permite mudar o enfoque de xeito selectivo (indo máis aló do modo retrato, que só desenfoca o fondo). Tamén estrean os Estilos Fotográficos que suben ou baixan as cores mantendo a naturalidade dos tons de pel, conseguindo fotografías máis brillantes e intensas.
Os novos móbiles tamén integran un procesador A15 Bionic e, como importante cambio, parten dunha capacidade de almacenamento mínima de 128 GB, detalle que responde basicamente ás melloras de calidade na captación de imaxes e vídeo, para evitar quedar sen espazo rapidamente.
Estes móbiles poderán reservarse a partir do día 17 ás 14:00 horas e estarán dispoñibles o 24 de setembro a un prezo que parte dos 809 euros para o iPhone 13 mini e de 909 euros para o iPhone 13. Poden equiparse con até 512 GB de almacenamento o que incrementaría o seu prezo en 350 euros.

Vídeo de presentación do iPhone 13
Os iPhone 13 Pro e iPhone 13 Pro Max van na mesma liña, con pantallas de 6,1 e 6,7 polgadas, que desta volta inclúen a tecnoloxía ProMotion, o que permite velocidades de refresco de entre 10 Hz e 120 Hz, conseguindo así imaxes nítidas en situacións de moito movemento, pero tamén un consumo reducido ante imaxes estáticas, tirando así un maior proveito do seu panel OLED.
Unha vez máis Apple mellora as cámaras dos seu móbiles, que na súa cámara traseira tripla non só conta con grandes sensores e estabilización óptica de imaxe para unhas mellores imaxes baixo pouca luz, senón que tamén redeseñaron o seu sensor ultra grande angular para introducir o modo macro nos iPhone, ou sexa, que pode enfocar imaxes a só 2 centímetros de distancia.
Aparte dos Estilos Fotográficos e o modo Cine, os novos iPhone 13 Pro tamén contarán con ProRes, un formato que persegue unha alta fidelidade de cor e baixa compresión, o que agradecerán os que queiran realizar producións profesionais. Cómpre salientar que o modo ProRes limítase ao vídeo Full HD nos móbiles con 128 GB de capacidade, precisando dun mínimo de 256 GB para poder gozar desta codificación en 4K, medida que claramente busca non esgotar a capacidade de almacenamento do dispositivo a grande velocidade.
O iPhone 13 Pro poderá reservarse dende o día 17 ás 14:00 horas, chegando ás tendas o 24 de setembro, a un prezo que pate dos 1.159 euros con 128 Gb de capacidade, mentres que o iPhone 13 Pro Max parte dos 1.259 euros. O modelo de maior capacidade, o iPhone 13 Pro Max de 1 TB chegaría a un prezo de até 1.839 euros.

Vídeo de presentación do iPhone 13 Pro

Vídeo no que amosan as bondades do modo Cine

PUBLICIDADE